Os encontros deportivos escolares volven á montaña de Lugo

Fernanda Follana BECERREÁ

BECERREÁ

Encontros deportivos escolares na montaña de Lugo.
Encontros deportivos escolares na montaña de Lugo. Cedida

Medio centenar de rapaces de O Courel, Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes participan no tradicional torneo de badminton intercentros

08 may 2022 . Actualizado a las 12:11 h.

O pasado mércores, 50 deportistas do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel, do CPI de Cervantes, do CPI de Navia de Suarna e do IES de Becerreá, participaron no torneo de bádminton XOGADE-MONTAÑA ORIENTAL no Colexio de San Román, o que supuxo a volta das clásicas xornadas deportivas intercentros interrompidas na primavera do 2020 por mor da pandemia.

Ao longo da mañán celebrouse a competición individual por categorías de sexo e nivel. No nivel alto os campións e subcampións foron respectivamente, Sara de Alonso Mouriz e Lara Rodríguez, en categoría feminina; e Mario Gómez Mouriz e Santiago Alonso López, en categoría masculina, todos eles do CPI de Cervantes. Polo que respecta ao nivel medio, Mario Trabado (Cervantes) e Marcos Carballo (Becerreá), en categoría masculina, e Sabela Rodríguez (Cervantes) e Zaira Arza (Courel), en féminas, foron primeiros e segundos. A fase individual rematou cunha emocionantísima final absoluta, na que Mario Gómez se impuxo a Sara de Alonso por 2 sets a 1 (11-9; 9-11; 16-14), logo de continuas alternativas no marcador.

Os dobres mixtos: primeiros en convivencia

Tras romper o xeo e saciar as expectativas individuais, chegou o turno da convivencia, da cooperación e da deportividade coa tradicional competición de dobres mixtos. Esta sistema de competición que é un endemismo dos centros da Montaña enfronta a parellas formadas in situ por xogadores e/ou xogadoras de distinto centro educativo, o que facilita as relacións interpersonais e iguala os niveis de destreza, ponderando a cooperación, a participación e o xogo limpo. Son os mesmos rapaces e rapazas os que buscan compañeiro ou compañeira para inscribirse no panel de competición.

Torneo de bádminton en Becerreá.
Torneo de bádminton en Becerreá.

As 23 parellas espontáneas dérono todo e as plumas non deixaron de voar sobre o pavillón de Cervantes nun frenético intercambio de golpes, embebedados polo afán de apurar ao máximo o tempo de xogo, cercenado como toda a vida dos escolares da montaña polas dificultades orográficas, que lles agardaban na ruta de volta aos respectivos centros de orixe, e de aí a cadansúas casas. Sen tregua, como a música pinchada durante toda a xornada polo alumnado anfitrión, foron xogándose 30 partidos de dobres nas catro pistas dispoñibles, que dilucidadaron as parellas da final: Daniel Marcos Castro (Courel) e Sara de Alonso (Cervantes) contra Lara Rodríguez Trabado (Cervantes) e Javier González Corral (Becerreá). O combinado Courel-Cervantes levou a vitoria.

A foto final de grupo puxo a guinda ao pastel doutra xornada inesquecible na cal todos foron primeiros en convivencia e deportividade. A continuación a rapazada dispersouse nos distintos autobuses cara os seus colexios de orixe, onde os microbuses e taxis de tódolos días os distribuirían polas aldeas da Comarca máis extensa de Galicia.

Mañá, o deporte intercentros continúa: o martes será o turno para o alumnado de primaria, que teñen en Becerreá unha cita co tenis de mesa. E o mércores, o alumnado de secundaria de Navia, Pedrafita e Becerreá realizarán en Cervantes un roteiro pola vía XIX que rematará cunha sesión de bolos celtas.