Afonso Becerra, dramaturgo: «Prefiro as luces de Becerreá que as de Vigo»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

BECERREÁ

Afonso Becerra de Becerreá presentará o seu último libro na súa vila natal.
Afonso Becerra de Becerreá presentará o seu último libro na súa vila natal. Manuel Guede

O dramaturgo volta este venres á súa vila natal para presentar a súa nova peza literaria «Pandrama» acompañado da performance de tres rapaces da comarca

30 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Afonso Becerra de Becerreá volta a casa por Nadal. Despois de presentar o seu novo libro en Vigo, A Coruña, Ourense e Cangas, o director da Escola Superior de Arte Dramático de Vigo tiña claro que Becerreá sería o seu próximo destino para falar de Pandrama, unha peza teatral de relatos curtos.

Hoxe presentará a súa última obra na Casa da Cultura de Becerreá a partir das 19.00 horas da tarde acompañado de Anne Rodríguez Orol, Roi Rubiedo Becerra e Lía Rubiedo Becerra, tres rapaces novos que dinamizarán o encontro a través de tres monólogos teatrais sacados do libro do dramaturgo becerrense.

—¿Que é o Pandrama?

—O pandrama, así mesmo, vai máis aló do que entendemos por un drama clásico, sería máis ben o posdrama. Escollín este nome para o libro porque o certo é que a pandemia de covid-19 foi un drama para todos nós, e quixen xogar co seu significado. Non houbo ninguén que puidese escapar do pandrama. Trátase dun libro breve de contos con pezas teatrais.

—Esta presentación vai cargada de teatro. Con que se atoparán os asistentes ó acto?

—Eu o que eu quería era facer unha performance con xente da propia vila. Para min, é un auténtico privilexio poder presentar o meu libro a carón das novas xuventudes. Falar dun libro cun señor maior ó lado non me di nada. Eles actuarán e tocarán instrumentos musicais para manter un xogo vivo a través de tres pequenas pezas: Selfie, Unha rosa entre as mans e Domitila.

—Como ve o panorama cultural no eido rural?

—Está todo un pouco adormecido, pero é certo que cada vez hai máis asociacións, como Rente o Couce, As Candelas ou Abrente en Ancares, que fan moito por manter viva a cultura. Eu mesmo alucinei coa decoración de Nadal deste ano, porque é todo artesanal. Eu, que vivo en Vigo, o parque temático das luces, prefiro antes as de Becerreá. Teñen máis identidade.

—Que fai falta para manter viva a actividade cultural?

—Debería haber concelleiros de Cultura que fosen verdadeiros activistas para poder dinamizar o eido, as asociacións non poden facer todo por si mesmas. As institucións locais deberían ter axentes específicos que dinamizasen a cultura rexional.