Manuel Martínez: «Besteiro e Sánchez non saben cal é a esencia do PSOE, e as bases desapareceron»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

Manuel Martínez, alcalde independiente de Becerreá
Manuel Martínez, alcalde independiente de Becerreá ALBERTO LÓPEZ

O partido do alcalde de Becerreá concorre ás eleccións galegas na coalición que lidera outro exmilitante socialista, Pachi Vázquez

18 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Martínez (Baralla, 1954) é alcalde de Becerreá desde o 2007 e no 2019, xa fóra do PSOE, fundou o partido Galicia Sempre (Gas), formación coa que agora concorre ás eleccións galegas dentro da coalición electoral Espazo Común Galeguista, con Pachi Vázquez como candidato á Xunta, e Castor López Gavín como número un da lista pola provincia de Lugo. Martínez, que foi un peso pesado do PSOE lucense entre finais do século XX e inicios do XXI, explica os motivos de por que nesta ocasión sae do proceso municipalista e sobre o descontento que hai en vellos militantes do PSOE coa actual dirección galega e estatal.

-Por que decidiron presentarse a estas eleccións?

-Nós sabemos dos límites que temos como partido. Podemos estar en toda España, en plan Izquierda por Almería, pero o noso é estar no ámbito municipal. Pero para iso necesitamos visibilizar o noso proxecto, consolidar as catro ou cinco candidaturas que xa temos e crear a canteira para dentro de tres anos presentar máis candidaturas, porque sempre dixen que Gas é unha marca para as persoas que a queiran coller e que están descontestas cos partidos tradicionais. Ás eleccións xerais non nos presentamos porque era precipitado tralas locais, pero a estas galegas si o facemos co partido de Pachi.

-Vamos, que é coma dicir, «aquí estamos».

-Si, porque queremos consolidar as listas que temos e estamos para quedarnos e para seguir aumentando. Non chegamos a obter un deputado na Deputación por un pequeno erro da coalición, xa que non chegamos a todas as casas de Lugo cidade como quixéramos, pero estamos preparados para volver a intentalo no 2027. Por iso tamén nos presentamos ás eleccións do 18F, porque estamos nas papeletas, de nós se fala, estamos nas redes sociais... e ademais creo que hai base de xente cabreada.

-Nota que hai descontento.

-Aí está a abstención. Os partidos maioritarios non está en contacto coa xente, e só se lembran 15 días antes das eleccións. Nós,ao ser municipalistas, estamos cerca da xente. O PSOE estivo a 200 votos de perder a Deputación de Lugo por culpa de mirarse o embigo.

-Fala de cabreados. Cando ve o paso que deu Grandío, de irse do PSOE para ir na lista de Sumar, vese reflexado en que hai socialistas descontentos.

-Desde que estamos instalados no sanchismo e no besteirismo, si. Esas persoas non saben o que é o PSOE. No coñecen a esencia dun partido centenario e do que presumíamos. Pero agora as bases desapareceron e isto é coma a Roma do século I a.C., cuns prétores que deciden o que se fai e sen consultar nada a ninguén. E o mesmo sucede no BNG, cunha señora que é da UPG, pero non se sabe o que pensa, engañando. Pero volvendo ao PSOE, o partido era Grandío, Orozco, Ricardo Varela, Blanco... aínda que todos acabaron aupando a quen manda agora. Eu a Orozco xa llo dixen no seu momento, que non tiña que haberse apartado, pero o partido provocou que el se tivera que marchar porque primaron os intereses dunhas persoas que se non viven da política, non teñen onde caerse.

-Entón, se houbo algunha posibilidade de que regresase ao PSOE, co regreso de Besteiro, xa é imposible.

-Eu co 50 % das persoas do PSOE teño boa relación, pero politicamente non o entendo, como é o caso do presidente da Deputación, José Tomé, con quen tiña unha boa relación, pero que en catro anos non nos deu nin auga a Becerreá. E a min non me fastidian, a quen lle fan dano e aos veciños de Becerreá. A residencia de maiores segue sen abrir, as estradas están destrozadas... pero parece que agora só hai inversións da Deputación en Monforte e en Antas de Ulla. E bueno, para mercar o castelo de Doiras.

-E que lles di aos que afirman que vostede fai e di cousas solo por fastidiar ao PSOE?

-Non é o caso, porque se quixera fastidiar, podía facelo de moitas maneiras. Non lle teño rancor a ninguén, porque iso quita reflexos. Eu gañei unhas eleccións para ser presidente da Deputación, ratificado polo comité provincial e polo nacional do partido, pero houbo xente que fixo unhas manobras sen respectar os estatutos do partido. 

-Volverá a presentarse á Alcaldía no 2027?

-Seguirei mentres me voten os veciños. Estou animado a seguir facendo proxectos por mellorar Becerreá. Estiven 50 anos suando a camiseta porque me gusta facer cousas e teño proxectos para outros 50 anos, como unha nova casa consistorial ou unha praza. Queremos dotar de servizos a Becerreá como cabeceira de comarca que é.

-Pero agora non ten maioría absoluta, vai a ter que negociar co PP ou co BNG.

-Xa o dixen, eu non vou a negociar con ninguén. Levei un programa e gañei as eleccións. Se o queren apoiar, perfecto, e se non, terán que presentar unha alternativa, xa que parece que PP e BNG se parecen en tantas cousas, como que ían a pedir unha piscina climatizada. Ou o BNG podía reclamarlle á Deputación que abra a residencia de maiores. Salvo que non me aprobaron o soldo, que non me preocupa, temos orzamentos aprobados.