Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Belén de Begonte abre o Nadal con visitas virtuais de 14 minutos, exposicións e certames

Laura López LUGO / LA VOZ

BEGONTE

As actividades culturais deste proxecto de Interese Turístico de Galicia adáptanse á pandemia

16 dic 2020 . Actualizado a las 10:01 h.

O Nadal galego estaría incompleto sen o Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico de Galicia e que cada ano recibe entre 30.000 e 40.000 visitantes para contemplar de preto o medio cento de grupos de figuras que desenvolven oficios e actividades tradicionais nesta popular composición do Nadal. Pero este ano, a pandemia obrigou tamén aos organizadores do clásico Belén a adaptarse ás condicións sanitarias, polo que será unha edición esencialmente virtual. Visitas virtuais duns 14 minutos, exposicións e certames darán forma ao programa cultural deste Nadal.

A presentación oficial dos actos tivo lugar esta semana a cargo de Xulio Xiz, en representación do Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán, entidade organizadora; o alcalde de Begonte, José Ulla, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias. O Belén, a piques de cumprir medio século, poderá ser visitado a través da súa web (www.belendebegonte.es), que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. Xa está incorporado tamén o pregón deste ano, a cargo do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e iranse engadindo novos contidos ao longo dos próximos días, con explicacións en galego, castelán e inglés.

Exposición «Imaxes do Nadal»
Exposición «Imaxes do Nadal»

Mostras visitables

Exposicións e certames culturais completan a programación. Así, xa está aberta ao público a exposición fotográfica «Imaxes do Nadal», na sala de exposicións da delegación territorial da Xunta. A partir do 2 de xaneiro pasará á Biblioteca Pública Provincial, que agora alberga a mostra «No Belén de Begonte», que consta de seis paneis con fotografías, acompañadas de anacos de poemas correspondentes aos traballos premiados en diferentes edicións do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal.

No marco do Belén, convócase de novo este concurso de poesía, así como os de xornalismo, debuxo infantil e o certame galego de arte José Domínguez Guizán, estendendo o prazo de admisión ata o 15 de xaneiro. Na segunda quincena dese mes terá lugar o acto para a entrega de premios.

Ademais, da man da nova edición, chega o libro «O Nadal», que recolle os traballos xornalísticos e os poemas gañadores o pasado ano.