Begonte inaugura a 53ª edición do seu Belén que incorpora pezas do escritor Xosé Carlos Ullosa

La Voz BEGONTE

BEGONTE

O conselleiro Román Rodríguez pronunciou o pregón na inauguración do Belén de Begonte.
O conselleiro Román Rodríguez pronunciou o pregón na inauguración do Belén de Begonte. CEDIDA

Ademais, o programa inclúe o I Certame audiovisual sobre o Nadal, que se suma aos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, arte e debuxo infantil

01 dic 2024 . Actualizado a las 10:05 h.

Begonte inaugurou o seu belén electrónico que chega este ano á súa 53ª edición. Esta obra artesanal e tecnolóxica, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, atrae cada ano a preto de 40.000 visitantes. Entre as novidades, incopora figuras procedentes do antigo Hospital Xeral de Lugo, doadas polo escritor Xosé Carlos Ullosa, como unha máquina de mallar e un cabazo, mentres que outras figuras quedarán expostas no Museo do Centro Cultural de Begonte.

Ademais, o programa inclúe o I Certame audiovisual sobre o Nadal, que se suma aos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, arte e debuxo infantil. Este novo concurso está dividido en dúas categorías, infantil (ata 14 anos) e xeral (a partir de 15 anos, o que impulsa a creatividade e o talento dos máis novos.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, foi o encargado de pronunciar o pregón de Nadal na inauguración, salientando o valor desta celebración, que non só contribúe a preservar e divulgar as tradicións galegas, senón que tamén reforza a nosa identidade cultural ao manter viva unha tradición que pasa de xeración en xeración. O conselleiro subliñou que este evento «simboliza o orgullo e a esencia do pobo de Begonte, converténdose nun referente para toda Galicia».