Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Begonte clausura a 53 edición do seu Belén que bateu récord de visitas

La Voz BEGONTE

BEGONTE

Tamén tivo lugar a entrega de premios dos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, debuxo infantil e pintura que se organizaron arredor do popular nacemento

01 feb 2025 . Actualizado a las 20:10 h.

Begonte clausurou este sábado a edición número 53 do seu tradicional Belén nunha xornada na que tamén se fixo entrega dos premios dos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, debuxo infantil e pintura que se organizan arredor deste nacemento, declarado de Interese Turístico de Galicia.

O nacemento permaneceu aberto ao público no centro cultural José Domínguez Guizán dende o 30 de novembro e este ano bateu o seu récord de visitas, con máis de 40.000. Como novidade, nesta edición a obra comezou a incorporar figuras procedentes do belén que o sacerdote Edelmiro Ulloa instalaba no antigo Hospital Xeral e que foron doadas polo seu sobriño, o escritor Xosé Carlos Ulloa, que recibiu o título de Socio de Honra do Belén.

Ao outro Socio de Honra, Román Rodríguez, conselleiro de Educación da Xunta de Galicia e último pregoeiro do nacemento, ao non poder acudir a Begonte neste día, seralle entregado posteriormente. A clausura completouse coa actuación musical do coro da asociación Músico Crisanto. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto e puxo en valor o «excelente traballo» dos organizadores para manter esta tradición «que confirma o seu enorme poder de atracción ano tras ano».

Para Arias, «é un orgullo para Begonte e para toda a a provincia contar cun evento tan singular coma este, que reflicte tan ben as nosas tradicións e que á vez non deixar de innovar, e que foi pasando de xeración en xeración ata converterse nun emblema do municipio e nun imprescindible do Nadal galego».