Castroverde, pioneiro en medir os niveis de radón de todo o municipio

ANA L. CILLERO / M.C. CASTROVERDE / LA VOZ

CASTROVERDE

La Voz

Os niveis de perigosidade deste gas na zona son baixos e non producen cancro

24 jul 2019 . Actualizado a las 12:31 h.

O Concello de Castroverde ordenou instalar en varias parroquias do municipio medidores de gas radón para comprobar os niveis deste fluído nas vivendas e tamén nas dependencias municipais. A voz de alarma levantouse cando comezaron a proliferar casos de cancro. Os resultados do estudo foron negativos, o que revela que non existen niveis de perigosidade.

O alcalde de Castroverde, o socialista José María Arias, encargou este estudo a unha empresa privada para comprobar se era realmente «preocupante» a presenza de radón nunha parte deste municipio lucense, dada a elevada porcentaxe de persoas relativamente novas que enfermaran de cancro no concello. «Empregamos ao redor de 2.000 euros no estudo, pero está ben aproveitado», explicaba Arias. A el resultáballe «extrañísimo» que persoas «de cincuenta e sesenta anos» estiveran sufrindo cadros clínicos desta envergadura e quixo descartar que o radón fose o motivo. Non lle fixo falta empregar ningunha estatística para coñecer a proporción de afectados xa que no Concello todos se coñecen.

Nunha primeira fase, a elaboración deste estudo centrouse na toma de mostras e medicións para comprobar a concentración dese gas en tres puntos: nunha zona granítica, na propia casa consistorial e nun colexio da localidade. A investigación fíxose en torno a «seis ou sete meses». Posteriormente realizouse tanto na capital municipal de Castroverde, como nos diferentes lugares da zona rural do concello, concretamente en Barredo, Monte, Gracián ou Goi, entre outros.

Estudo tranquilizador

O rexedor local confirmou que en todos os casos os niveis de concentración de radón eran normais. «Os parámetros deron ben, que é o que importa», comentaba. Non son niveis perigosos para a saúde das persoas.

Arias incide en que isto «merece a pena estudalo» e lamenta que dende a Xunta non se preocupen en facelo e anima á administración a comprobar a situación do aire, debido a que o radón é «un asasino silencioso»: é a segunda causa de morte por cancro de pulmón e responsable de entre o 3% e o 14% deste tipo de enfermidade polo mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).

A concienciación das persoas é o primeiro paso. «Hai que facerlle saber á xente que agora para construír unha casa xa che piden un informe sobre os niveis de radón, explícao unha normativa europea», engadía Arias, especialmente nas zonas graníticas, onde a pedra dá orixe a este gas, debido a que é unha pedra moi porosa.

Ademais, necesita ventilación naquelas casas que estean construídas con ela, para evitar a concentración de gas.

Deuse a voz de alarma cando varios veciños de 50 e 60 anos estaban enfermos de cancro

É preciso ventilar as casas edificadas con pedra granítica para poder evitar a concentración deste gas