Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Novas iniciativas culturais en Castroverde: «Queremos recuperar a feira mensual de Miranda, con produtores locais e polbeiro»

Laura López LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

Rubén Otero (esquerda), con Manuel Darriba, da asociación.
Rubén Otero (esquerda), con Manuel Darriba, da asociación. CEDIDA

Rubén Otero, presidente da Asociación Cultural e Veciñal de Miranda, explica que o día 19 inauguran o renovado local social cunha homenaxe a persoas históricas da parroquia e unha mesa de traballo para impulsar a ruta romana Vía XIX

11 mar 2025 . Actualizado a las 12:17 h.

A Asociación Cultural e Veciñal de Miranda, en Castroverde, celebra o próximo día 19 unha xornada lúdica e de traballo coincidindo coa inauguración do local social, rehabilitado recentemente. Ao longo do día, a partir das 12.30 horas, farase unha presentación das obras, haberá música, petiscos, homenaxes e mesas de traballo sobre os proxectos que ten en marcha o colectivo, entre eles, a recuperación da feira tradicional de Miranda e o impulso da antiga calzada romana Vía XIX. De todos os detalles dá conta o presidente da asociación, Rubén Otero, que tomou as rendas do colectivo, cunha renovada directiva, hai dous anos.

—Canto hai que non se celebra feira en Miranda?

—Deixouse de facer a principios dos anos 60. O ano pasado celebrouse o centenario da súa inauguración e agora queremos recuperar a feira mensual de Miranda, con produtores locais e polbeiro. A idea é ter un pequeno mercado dunha ducia de postos con produtos de proximidade. Xa falamos con veciños de Castroverde e do Corgo e están dispostos a colaborar con produtos da horta, mel... Aínda que entre os anos 30 e 50 a feira facíase dúas veces ao mes, a maior parte do tempo foi mensual, o día 12. Esta era unha feira de moita relevancia, con gando, mercado... ao nivel da de Castroverde, Sobrado e O Cádavo.

—Tamén buscan impulsar a Vía XIX.

—Si. Por Miranda pasa a Vía XIX e pensamos que é un bo recurso do patrimonio histórico que hai que aproveitar, para promover o turismo e a economía local, dar apoio aos gandeiros, á gastronomía, facer rutas en bicicleta... Esta é unha zona especialmente bonita e con moitos recursos e cremos que é unha ruta viable. E ese impulso debe ser compartido por investimento público, pero tamén privado e de veciños. Nese sentido, a pesar de ser un pobo pequeno, sempre estamos moi apoiados, tanto polo Concello como pola Deputación e pola Xunta. De feito, na mesa de traballo haberá representantes da Xunta, do Concello, da Deputación, historiadores, arqueólogos, artistas, Amigos do Patrimonio de Castroverde...

—Que persoas serán homenaxeadas no acto?

—Imos facer unha referencia especial a catro personaxes emblemáticas e históricas de Miranda. Por un lado, a Manuel Lence, emprendedor e figura clave do desenvolvemento local. Foi o fundador da panadería Viena Capellanes, en Madrid, e en Miranda fixo a escola, reconvertida hoxe en local social. Outra das persoas homenaxeadas será Enriqueta Otero, unha revolucionaria mestra e activista cultural. Tamén forma parte das persoas recoñecidas a Cega de Miranda, unha violinista emblemática. Por último, o emprendedor Pepe do Garaxe, que trouxo a Miranda a primeira liña regular de autobús de todo o municipio de Castroverde, arredor de 1905. De feito, esa liña regular a Lugo aínda existe hoxe en día.

—Que ten Miranda para que saian persoas tan relevantes?

—Temos moi boa calidade da auga [ri]. A verdade é que para ser unha aldea pequena, é moi prolífica en dar xente relevante. A presenza do colexio foi moi importante, chegou a ter sobre medio cento de alumnos e saíron mozos moi preparados. E os propios veciños que optaron por quedarse no pobo fixeron unha gran labor mantendo a vida na aldea. Hoxe só hai 35 habitantes, pero nos anos sesenta roldaban os 400. Ata o ano 2005 había 15 explotacións gandeiras, pero hoxe en día solo quedan tres. Aínda así, temos un taller mecánico, unha empresa de albanelería, panadería...

—En que consistiron as obras de reforma do local social?

—Preparamos unha cociña, que pagou o Concello, para organizar cursos; puxemos un sistema de climatización, que pagou a Xunta, adquirimos material audiovisual, arranxamos portas, instalacións, pintamos...

 

Programa do evento

· 12.30h. Inauguración e homenaxe a figuras históricas.

Con Antonio Rodríguez Colmenero, historiador; Manuel Antonio Fernández Piñeiro, da consellería de Cultura; Xosé María Arias Fernández, alcalde de Castroverde e deputado provincial; Rubén Álvarez Asorei, arqueólogo; Eduardo Carreira, artista local; Pablo Figueiras Reguera, concelleiro; Iria Castro Fernández, concelleira e deputada provincial; Ricardo Polín, historiador e cronista; representantes de Amigos do Patrimonio e da Asociación Veciñal, veciños...

Actuación musical co grupo Viouteiro da Asociación Astelo.

· 13.30h. Petiscos.

· 15.30h. Mesa de traballo sobre a Vía XIX e a feira tradicional.

Debate sobre a importancia histórica da Vía XIX, potencial turístico e económico da ruta, planes para recuperar a feira tradicional de Miranda, beneficios para a comunidade...