José M. Salgado presenta hoxe o seu libro «A Idade do Ferro»
28 nov 2018 . Actualizado a las 09:38 h.Presentación hoxe • 20.00 horas • Sala de exposicións do Centrad (Lugo) •
A Deputación de Lugo e a Editorial Canela organizan a presentación de A Idade do Ferro, de José M. Salgado, da colección «Imaxes dun país». Trátase dun fotoensaio que recolle e divulga a cultura do ferro do noroeste peninsular.
O libro contén 181 fotografías de José M. Salgado e textos do propio autor, ademais de tres introducións sobre a transformación artesanal do ferro na cultura tradicional, escritas polo xornalista Luis Celeiro Álvarez, o investigador e membro do Museo do Pobo Galego Clodio González Pérez e o director do Muséu del Pueblu d’Asturies, Juaco López Álvarez. Os textos están publicados en galego e conta con traducións ao castelán e ao inglés.
O fotoensaio dá a coñecer a singular cultura do ferro que aínda se conserva entre as Reservas da Biosfera Terras do Miño, Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, e Río Eo, Oscos e Terras de Burón, situadas dacabalo entre a provincia de Lugo e o occidente de Asturias. Supón un «traballo documental que percorre os espazos e visita ás persoas, no que ofrece un retrato espido do estado actual dun modo de vida, ligado ao mundo agrario e preindustrial, que busca, a duras penas, sobrevivir».