Patrimonio dos Ancares documentounos en montes a 1.300 metros de altitude, en O Pando
20 may 2021 . Actualizado a las 17:20 h.Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de documentar un novo grupo de petroglifos na comarca. Foi a 1.300 metros de altitude, entre os montes do Teso de Acevedo e o Pico da Legua, na parroquia do Pando, no concello de Cervantes. O historiador Xabier Moure sinala que nunha pena granítica de 2 por 3 metros, situada a ras do chan, «localizamos unha combinación, bastante erosionada debido ao paso do tempo, de dous círculos concéntricos con coviña central; e noutra pena próxima un grupo formado por tres cazoletas e un cruciforme».
Con estas son sete as combinacións circulares atopadas na comarca polo colectivo patrimonial, e todas sobre soporte granítico. «É importante destacar que, dos preto de 1.000 quilómetros cadrados que abranguen os seis concellos da comarca dos Ancares, só nuns 10, entre as parroquias de Donís e O Pando (Cervantes), aflora o granito que é onde se gravaron este tipo de motivos. Sobre outra clase de penas, cuarcita e pizarra, só atopamos coviñas», sinala Moure.
Ata o presente, dos 26 grupos de petroglifos documentados na comarca dos Ancares, 25 foron atopados polo colectivo Patrimonio dos Ancares, sendo o concello de Cervantes o que conta con máis grupos, cun total de 22.
A súa antigüidade, explica Moure, remóntase a uns 4.000 anos. Canto ao seu significado, «ao tratarse dunha arte simbólica son, en principio e como acontece co resto das representacións galegas, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados membros daquela sociedade». O histotiador lucense explica que polo xeral adoitan interpretarse como representacións simbólico-relixiosas asociadas a algún tipo de ritual ou delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos.
Os achados xa foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.