Manolo González, artesán de Piornedo: «Cando volvín de Barcelona estaba todo deixado da man de Deus»
CERVANTES
O escultor fixo máis de vinte bancos de madeira con códigos QR que contan parte da historia da súa aldea natal «para devolver todo o que este lugar me deu»
20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Manolo González vive «a cabalo» entre Barcelona, a cidade á que emigrou con vinte anos, e Piornedo, a súa terra natal, na que el se sinte «en plenitude», porque di que nos Ancares pode respirar aire puro e manterse activo. «Funme por traballo e agora móvome de aquí para alá pola familia, pero a miña casa está en Galicia», asegura.
O cervantego voltou á casa en 2019 trala xubilación. Nese momento percatouse de que Piornedo «estaba deixado da man de Deus pola falta de mantenemento», tanto a aldea en si como as pallozas, que son historia viva desta pequena aldea da montaña lucense, por iso decidiu tomar cartas no asunto e implicarse de cheo en revitalizar a comarca botando man da súa maior afición: a artesanía.
E así, Manolo leva feitos máis de vinte bancos de madeira repartidos por toda a zona para que os veciños e visitantes poidan parar a ver as paisaxes da comarca e charlar mentres coñecen un pouco máis a súa historia. E é que moitos destes bancos teñen unha particularidade. Trátase dunha pequena placa con código QR onde os turistas poden consultar moitas peculiaridades e datos sobre a aldea, ou mesmo coñecer novas rutas de sendeirismo. «Esta foi idea dos veciños, e a min pareceume perfecta, porque aquí temos un gran patrimonio por descubrir», afirma o cervantego.
Todos os bancos están situados en lugares estratéxicos, sa sexa polas vistas ou pola historia que albergan. «Quería crear pequenos miradores nos que a xente puidese desconectar», explica. Así, todos eles permiten ver parte das provincias de León, Zamora e Asturias, que limitan con Piornedo, situado a 1.300 metros de altitude.
O veciño de Piornedo busca potenciar o turismo dende dentro, e unirse así á labor das outras dúas pallozas que permanecen abertas ao público, e ás rutas de sendeirismo que se organizan as fines de semana para que a aldea vaia a máis. «Somos pouqiños, pero facemos moito por manter todo isto», di con orgullo.
Pero isto non é todo. Manolo tamén viu que moitas das aldeas polas que pasaban os coches ata chegar a Piornedo non tiñan sinalización, e outras estaban a piques de caerse, por iso decidiu crear varias sinais talladas en madeira cos nomes das parroquias. «Parecíame unha pena que estivera isto así, e ademais agora teñen o toque rústico que nos caracteriza», sotén o artesán.
O seu propósito non é outro que o de «devolverlle a Piornedo todo o que me deu», di Manolo, que non recibe un só euro polo seu traballo porque di que isto o fai por gusto e porque non pode estar quieto. Despois de dedicar toda unha vida a pulir pedras preciosas en Cataluña, o cervantego quería seguir cultivando a súa vena artística, e esta pareceulle a mellor maneira de facelo. «Cada vez que me atopo cun material, sexa o que sexa, enseguida lle atopo a forma», afirma o lapidario.
O artesán tamén fai algunha que outra cancela de madeira, banquetas, bastóns, e demais utensilios que cre que a xente pode necesitar, e asegura que non ten pensado parar ata que «a saúde mo permita». «Por agora sigo de acá para alá por motivos persoais, pero eu quero morrer aquí e deixar pegada na terra que me viu nacer», sostén o cervantego.