O futuro da Torre de Caldaloba, en mans da Deputación e dun dono que non quere vender
COSPEITO
![A Deputación anunciou os avances durante a rolda de prensa deste mércores xunto a Torre.](https://img.lavdg.com/sc/IPDBA1CTzSlGebVCxvnL7oHVM6w=/480x/2022/07/27/00121658945702089190732/Foto/L27L2028.jpg)
A Deputación saca adiante este venres a súa proposta de compra dunha das parcelas nas que está situada esta fortaleza medieval
28 jul 2022 . Actualizado a las 14:11 h.A restauración e conservación da torre de Caldaloba (século XV) leva sobre a mesa dende antes do 1995. Despois de máis de 25 anos de loita para conseguir o arranxo e limpeza da fortaleza, así coma a súa titularidade pública, este venres a Vicepresidencia da Deputación de Lugo leva á Xunta de Goberno a proposta de compra dunha das parcelas nas que está situada esta torre.
Trátase dunha fortaleza datada no século XV e con gran interese histórico para Galicia, pois nela resistiu a filla do Mariscal Pardo de Cela ante a invasión dos Reis Católicos. A torre constitúese coma símbolo da resistencia galega ante a política centralizadora de Castela e por iso dende numerosas asociacións culturais e patrimoniais levan tantos anos esixindo a súa recuperación e loitando pola súa compra. «A única maneira de conservala é que pase a ser un ben público», explica Alberte Asende, secretario da Fundación Manuel María.
Neste sentido, parece que acadar a titularidade pública da torre está cada vez máis preto. A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, anunciou este mércores a adquisición da metade da fortificación; unha parcela de case dúas hectáreas que, segundo explica, constitúe un avance de cara ao acceso á totalidade da propiedade.
Segundo explican dende a Deputación, o obxectivo é desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor deste ben patrimonial. Accións que levan sendo demandadas dende anos atrás por expertos en patrimonio e colectivos culturais. O historiador Xabier Moure, integrante do Colectivo Patrimonio de Ancares, xa denunciou en varias ocasións o abandono desta torre por parte da administración local. Moure explica que levan dende 2014 esixindo a conservación e recuperación deste ben patrimonial: «Mantivemos varias reunións co alcalde. Todo foron boas palabras, pero feitos ningún. Quedou en chamarnos para informar dos avances e nunca recibimos resposta».
Ben de Interese Cultural
A fortificación foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1994 e catro anos despois, entre o 1998 e o 2000, a Xunta de Galicia fixo unha consolidación parcial. Tamén neste ano 2022 a Xunta asinou un acordo de 100.00 euros co Concello de Cospeito para que sexa de titularidade municipal, garantindo así a súa recuperación e mantemento. Non obstante, dende a Deputación seguen denunciando o constante abandono por parte da administración autonómica: «Actuamos para evitar que a estrutura sufra danos irreversibles, ante o desleixo de máis de 20 anos por parte da Xunta», explica Maite Ferreiro.
Propiedade privada
A Torre de Caldaloba, coñecida tamén como Castelo de Vilaxoán, está actualmente en mans de dous propietarios e, polo tanto, dividida en dúas partes.
Neste caso, a Deputación leva á Xunta de Goberno a proposta de compra da parcela na que se sitúa a parte mellor conservada, xunto co sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, ademais da entrada principal. Confesan que foron «varios meses de xestións para esclarecer a propiedade dos terreos e de conversas coas persoas titulares».
Un dos propietarios non está interesado en vender a súa parte
A proposta de compra da Torre de Caldaloba por parte da Deputación limítase a unha das partes da extensión desta fortaleza, pois a outra está en mans doutro propietario que, segundo confesa, non está interesado en vender .
Este veciño de Cospeito chegou a un acordo co Concello chairego para entregar 1.000 metros da súa extensión, pero «de palabra porque aínda non me pagaron nada». Agora confesa que non está interesado en vender nada máis da súa propiedade, adquirida fai 50 anos e que inclúe varias fincas preto da súa casa. Con todo, manifesta o seu parabén de cara ás tarefas de restauración e conservación da Torre.