
Dous investigadores amosaron datos sobre o elemento megalítico na revista de Amigos de Viladonga
13 oct 2017 . Actualizado a las 12:33 h.O pasado día 9 de outubro de 2017 enterámonos polos medios de comunicación de que persoal de incendios de Medio Rural descubriran un dolme nos montes de Vilalvite, en Friol, uns dos enterramentos do Neolítico, segundo os arqueólogos da Xunta de Galicia, mellor conservados da provincia de Lugo. Antes de continuar queremos aclarar que con esta achega non pretendemos, nin de lonxe, restarlle mérito aos traballadores de Medio Rural nin aos arqueólogos da Xunta, pola contra, grazas a eles cabe a posibilidade de que se realicen unha serie de actuacións para poñelo en valor, evitando, como acontece coa maior parte dos enterramentos megalíticos do concello de Friol, que se atopen nun estado lamentable de conservación ou, como denunciamos recentemente nunhas mámoas do parque empresarial, se destrúan. Mais, dito isto, tamén queremos que se coñeza quen foron os seus descubridores.
O mesmo día que saíu a noticia, chamoume o compañeiro Brais Rodríguez Romero para comunicarme a boa nova, mais axiña engadiu que ese dolmen non lle era descoñecido. Foi entón cando nos puxemos mans á obra para tentar saír de dúbidas. Se ben é certo que coñecemos a maioría dos enterramentos do concello, tamén o é que este nunca o visitaramos, pero soar soábanos. De que? Foi a raíz dunhas fotos feitas recentemente por integrantes da asociación A Castronela, de Friol, cando saltou a lebre.
No ano 1992, Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela fixeron un traballo titulado «Prospección e inventario de túmulos megalíticos do concello de Friol (Lugo). 1ª parte. Zona oriental», que logo extractaron no ano 1996 en Croa, número 6 (o boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga), baixo o título «Prospeccións no concello de Friol (I): mámoas e folclore arqueolóxico». Desas xa escribiron que este dolmen era un dos máis interesantes do concello de Friol, situado no monte de Santa Marta e coñecido como Medorna da Zanca ou Forno dos Mouros.
Hoxe, piñeiros
Ao ver as fotos da asociación A Castronela e dos autores citados, as dúbidas esvaéronse, comprobando que se trata do mesmo enterramento. A única diferencia está en que cando o visitaron F. Núñez Jato e Laura Rodríguez a tampa aínda pousaba sobre os esteos (agora atópase desprazada), e que o sitio, que na actualidade está plantado de pinos, daquelas estaba inzado de maleza.
Nunha ficha confeccionada pola Xunta de Galicia no ano 1997 á que tivemos acceso (clave de identificación GA27020REF13) di que non se puido localizar, facendo constar, iso si, que se trataba dunha referencia de Núñez Jato e Rodríguez Varela. É posible que os técnicos que naquel momento se achegaron ata o lugar non deran con el pola mesta matogueira e porque as coordenadas dos autores estaban lixeiramente erradas.
Recoñecemento
E ata eiquí a nosa pequena achega, cuxa única intencionalidade é a de recoñecer o labor de Juan F. Núñez e Laura Rodríguez hai xa 25 anos, sen minusvalorar o interese amosado polos traballadores da Consellería do Medio Rural e dos arqueólogos da Xunta.
(Máis información no blog http: //onosopatrimonio.blogspot.es/).