Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Descubertas dúas novas mámoas con inscripcións en Friol duns 6.000 anos de antigüidade

La Voz LUGO / LA VOZ

FRIOL

12 jul 2019 . Actualizado a las 08:34 h.

O pasado mércores, os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez e Xabier Moure, localizaron dúas novas mámoas no Concello de Friol, concretamente nos montes da aldea das Penelas, en Anxeriz, nunha penichaira situada a 515 metros de altitude.

As mámoas teñen unhas medidas de 21 e 25 metros de diámetro e un metro e medio e dous metros de altura, respectivamente. A súa antigüidade achégase aos 6.000 anos. Unha das medorras está cuberta por fentos e xestas e sobre a outra medran carballos e un piñeiro.

A pouca distancia destes enterramentos atópase unha gran mámoa que conta cunhas medidas de vinte e cinco metros de diámetro e tres de altura e que xa foi catalogada por Patrimonio. Nas inmediacións, hai varios chantos da súa cámara funeraria. Debido á posición do sol, descubriron neles «varios símbolos gravados en forma de ondulacións», explican dende o Colectivo e engaden que «estas representacións interprétanse como correntes de auga, co devir sinuoso da vida, ou coa serpe que na relixiosidade primitiva tiñan un significado positivo. A serpe relaciónase coa fertilidade e tamén coa inmortalidade».

Os motivos achados son semellantes a outros que se descubriron nun esteo dunha mámoa do monte Vilaldar, na parroquia de Miraz.

Estas representacións conlevan a declaración das mesmas como Ben de Interese Cultural (BIC), o que lle outorga a máxima protección legal. Agora, o Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia debe proceder á súa catalogación.

«Friol pode considerarse como o concello de Galicia con máis patrimonio megalítico. Calculamos que puido haber uns 300», conclúen os membros do Colectivo Patrimonio dos Ancares.