Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Estragan en Friol dous petróglifos catalogados ao acondicionar os terreos para pradarías

La Voz LUGO

FRIOL

Rochas procedentes da pradaría que depositaron sobre os petróglifos
Rochas procedentes da pradaría que depositaron sobre os petróglifos CEDIDA

Un deles desapareceu por completo e o outro foi cuberto por pedras

16 ene 2020 . Actualizado a las 10:07 h.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares denunciou unha nova agresión ao patrimonio arqueolóxico de Friol. Concretamente, falan da desfeita de dous petróglifos catalogados, situados na parroquia de Guimarei, e que sufriron importantes danos —un deles mesmo desapareceu— ao acondicionar os terreos para pasto.

Os dous grupos de petróglifos foran catalogados no ano 1997, dous anos despois da publicación da primeira Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Explican desde Patrimonio dos Ancares que, ao tratarse de gravados rupestres ao aire libre, teñen a máxima protección legal, por estar considerados Ben de Interese Cultural (BIC).

Unha cruz con remates lobulados, un dos poucos motivos que non quedaron debaixo das pedras
Unha cruz con remates lobulados, un dos poucos motivos que non quedaron debaixo das pedras

O primeiro é o Petróglifo 1 do Monte de Lamas (código no catálogo GA27020086), que foi cuberto por pedras ao acondicionar o terreo como pradaría. Na actualidade, só se ve unha mínima parte das gravados: «Estaba composto por máis de vinte cazoletas unidas por trazos curvos e rectos, coviñas rodeadas por un círculo e dúas cruces, unha sinxela e outra cos brazos rematados en lóbulos. Daquelas foron estudados polos arqueólogos César Parcero Oubiña e Carlos Otero Vilariño», sinalan desde o colectivo ancarés.

Pradaría onde estaba o segundo petróglifo, hoxe desaparecido
Pradaría onde estaba o segundo petróglifo, hoxe desaparecido

O segundo, situado a uns catrocentos metros do anterior, é o Petróglifo 5 do Campo da Feira (código no catálogo GA27020105). Neste caso, desapareceu, tamén ao acondicionar o terreo para pasto: «Estaba composto por gran cantidade de cazoletas unidas por trazos rectilíneos e curvos e motivos cuadrangulares».

Actividade agrícola compatible

O Colectivo Patrimonio dos Ancares aclara que non teñen nada en contra de que os veciños acondicionen os terreos para o desenvolvemento da actividade agrícola e gandeira, «pero cústanos entender que se cometan estas agresións. Unhas rochas que apenas ocupan uns poucos metros cadrados non vai entorpecer en absoluto dita actividade. Ademais, as pedras retiradas para acondicionar o terreo poden amontoarse noutro sitio, non precisamente sobre os petróglifos, e menos, como no caso do segundo, facelo desaparecer», explicaron.

Os feitos xa foron comunicamos á Xunta de Galicia para que, en aplicación da Lei do Patrimonio Cultural, inicie o correspondente procedemento sancionador, «obrigando ademais, no primeiro caso, aos propietarios do terreo a que despexen, baixo control arqueolóxico, a pena cos gravados das pedras que amontoaron indebidamente. E no segundo, no suposto de que non fora destruído e só tapado, se volva a descubrir», sinalan desde o colectivo.