Un castelo musealizado para descubrir en Friol

FRIOL

ALBERTO LÓPEZ

A Rede Museística achega ao público o Museo Fortaleza de San Paio de Narla mediante visitas virtuais

16 abr 2020 . Actualizado a las 20:49 h.

As visitas virtuais estanse a converter na nova alternativa para achegarse ao patrimonio lucense durante o confinamento derivado da pandemia do coronavirus. Desde a Rede Museística Provincial de Lugo facilitan este acceso á cultura mediante, entre outras cousas, paseos virtuais en 360o polos museos lucenses. Entre eles, está o Museo Fortaleza de San Paio de Narla, situado en A Castronela (Xiá, Friol), no que os cidadáns se poderán adentrar desde os seus fogares a través do seguinte enlace: http://2xmil.es/narla/.

Ademais dun percorrido polo interior e exterior do Museo e da Fortaleza -declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994-, esta orixinal visita permite coñecer detalles das pezas expostas, da súa historia, e numerosa información sobre o lugar.

ALBERTO LÓPEZ

Segundo explican desde a web que xestiona a propia Rede Museística, da construción inicial, coñecida como Torre de Xiá, téñense as primeiras referencias arredor do século XIV, aínda que as Revoltas Irmandiñas afectan profundamente á Fortaleza e no século XVI tivo que ser reconstruída. Por este motivo, o actual edificio está composto por elementos que abarcan desde o século XVI ata o XIX, aínda que se reaproveitaron materiais medievais.

En 1939, a Deputación Provincial adquiriu a Fortaleza e en 1983 abriu as súas portas coma Museo Etnográfico e da Historia. O centro foi obxecto no 2003 dunha última reforma.

O Museo actual estrutúrase en tres corpos (Torre da Homenaxe, corpo central e torreón) e nunha capela exterior.

Oficios tradicionais

A planta baixa acolle diferentes coleccións relacionadas coa agricultura e cos oficios tradicionais, como cesteiros, zoqueiros... Tamén están as cortes dos cabalos, nas que se instalaron cadeiras de man e de montar a cabalo. Ademais, na adega móstranse os elementos propios desta dependencia, como pelellos, prensadores de uvas ou medidas de viño.

A primeira planta componse dunha cociña na que se encontran tres elementos da construción primitiva: a lareira, o forno e o servizo hixiénico, ademais de mobiliario típico da cociña galega, como cerámica ou ferros de pasar, entre outros elementos.

Tamén hai un salón cunha gran ventá con «parladoiros» e unha cheminea renacentista. A maiores, pódese visitar a sala do tear, un escritorio e un dormitorio.

O primeiro e segundo piso da Torre da Homenaxe albergan as coleccións de armas brancas e de fogo, destacando unha armadura de placas de hasta, outra de guerreiro samurai, dagas, machetes, espadas, revólveres de percusión, de tambor ou de chispa, fusís, canóns, etc.

Cheminea renacentista

No terceiro piso sobresae a cheminea renacentista que Vasco das Seixas mandou construír no século XVI, decorada a base de elementos zoomorfos e fitomorfos, ademais de interesante mobiliario da época.

E, desde o alto, pódese contemplar unha ampla vista panorámica da comarca.

Xa no exterior da Fortaleza, queda por ver a capela, de planta cuadrangular. Foi construída no século XVIII e ten un retablo do XIX, no que destacan diversas imaxes populares.