O pasado sábado 23 de abril do 2016 celebrouse o encontro deportivo da categoría provincial benxamín de fútbol sala no pavillón municipal de Lugo, e que daba acceso á fase final da liga provincial que se disputou días despois. Enfrontáronse o campión da Terra Chá, o Club Concello de Guitiriz e o campión de Lugo Centro, o Club Lumieira. O partido transcorreu sen ningún incidente e con toda normalidade quedando como gañadores o cativos do Club Lumieira de Lugo. O problema aparece ao día seguinte cando o adestrador do equipo derrotado presenta ante a Federación Galega de Fútbol Sala unha denuncia por alienación indebida baseándose na opinión de adestradores das escolas deportivas de Guitiriz e do adestrador do Club Casás, pasando por alto a opinión do árbitro que firmou a acta do encontro sen que houbera ningunha irregularidade dado que se cotexou o listado dos xogadores presentados segundo o regulamento. O Club Lumieira foi sancionado pola Federación Galega tendo en conta a opinión de terceiras persoas totalmente alleas ao encontro, ignorando a acta do árbitro, e baseándose nun vídeo que se entregou á Federación gravado por un anónimo que fixo mal uso da imaxe de menores sen o consentimento paterno. Ese vídeo non foi esixido por ningún xuíz como proba aclaratoria senón que se usou espontánea e alegremente para inculpar a uns nenos de 9 anos alleos ás artimañas de adultos frustrados pola derrota e movidos por intereses particulares. Gustaríame resaltar a mala fe que mostrou este grupo de persoas, por manipular e xogar coa inocencia dos nenos que o deron todo nese partido. Non é nada loable o exemplo que lles está a dar. E a Federación Galega de Fútbol Sala tampouco soubo estar á altura das circunstancias por non verificar a documentación presentada e sobre todo por non defender aos únicos indefensos e prexudicados nesta escura manobra. Con estas actitudes non lle están facendo ningún favor ao deporte ao premiar ilegalidades deportivas e inxustiza. Inma Fernández. Lugo