Bruno Pena di que o concello está cheo de lendas das que tirar proveito para proxectos
06 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Bruno Pena é reponsable de dous traballos audiovisuais dos últimos tempos, a curtametraxe «A chave de Bascuas» e o «spot» da campaña Salvemos a casa de Díaz Castro, nos que Guitiriz ocupa un papel protagonista
-«A chave de Bascuas» e o «spot» da campaña que tenta recuperar a casa natal de Xosé María Díaz Castro teñen en común o ambiente rural no que se desenvolven. Foi unha elección consciente ou casual?
-«A chave de Bascuas» naceu como un proxecto final de grao, e quería que se espallase. A partir de aí tiven unha relación máis próxima con Alfonso [Blanco], e metinme no proxecto da casa de Díaz Castro. No da chave quería recuperar unha lenda que estaba perdida e tentar axudar a transmitila. No da casa de Díaz Castro tratábase de sensibilizar sobre a situación do medio rural e sobre o estado da casa.
-«A chave de Bascuas» tivo éxito se lembramos todas as proxeccións que se foron organizando, dentro e fóra de Guitiriz, despois da estrea. Imaxinaba nalgún momento que podía darse esa situación?
-Non. Un ano despois da estrea aínda se fala desa curtametraxe, polo cal me sinto contento e orgulloso.
-Traballou na rodaxe con xente profesional do sector audiovisual pero tamén con afeccionados. Resulta difícil esa combinación?
-Non ten por que selo. Aprenden todos, aprendo eu tamén. Unha cousa que me sorprendeu dunha persoa que participou na rodaxe é que dicía que aprendía dos novos porque tiñan moita creatividade.
-Co « spot» da campaña sobre a casa de Díaz Castro perseguíase un obxectivo concreto, espallar a necesidade de colaborar na súa recuperación. Sente que se acadou?
-Púxose un gran de area, do cal estou contento. Estou certo de que se vai conseguir o obxectivo; pero o máis importante, concienciar á xente da necesidade de colaborar, xa está conseguido.
-Tendo en conta que neses dous traballos está moi presente Guitiriz, pensa en máis proxectos nos que tamén apareza dunha ou doutra maneira?
-Guitiriz está cheo de lendas, é un sitio máxico. Só con ir ás aldeas e falar coa xente maior, xa poden saír historias coas que facer documentais ou ficción.
-Vivindo en Madrid, segue aberta esa posibilidade?
-O que máis me gusta é a produción, e iso está en Madrid. Galicia está a catro horas, e de feito viaxo todas as fins de semana, así que é posible estar en Galicia e en Madrid ao mesmo tempo.
-Nos últimos tempos fixéronse, en Guitiriz e con participación de xente de Guitiriz, varios traballos audiovisuais sobre Díaz Castro. Pensa que tamén puxo un gran de area nese apartado?
-Creo que noita xente de Guitiriz non coñecía a Díaz Castro. Eu fun un deses guitiricenses, porque non o coñecía ben.
-Nesta fin de semana celébrase o festival de Pardiñas. Non se sentiu nunca atraído a reflectilo nun traballo audiovisual?
-Non o pensei. Pero é un festival con moita historia e mantén vivos o folclore e a cultura. Pardiñas é unha festa para presumir de ser galego: ten artesanía, cultura, música...