Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Manuel Martínez: «Guitiriz era coñecido por moitas cousas; agora, tamén polo deporte»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

GUITIRIZ

Martínez di que en Guitiriz o traballo resulta agradable
Martínez di que en Guitiriz o traballo resulta agradable SUSO PENA

Cre que os nenos pequenos teñen que pasalo ben nas Escolas Deportivas

21 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ha adestradores cuxo traballo nun equipo remata antes do previsto. Cando os resultados non son os esperados, a paciencia da directiva adoita esgotarse e o proxecto acaba interrompido. Se Manuel Martínez fose adestrador nun equipo convencional,a súa sería unha traxectoria que chamaría a atención por longa: leva uns 15 anos como monitor de Deportes do Concello de Guitiriz. Tamén podería dicir que os resultados o acompañaron, pois o equipo xuvenil de fútbol sala xogou dúas veces a fase final do Campionato de España.

-O fútbol sala acadou un gran crecemento en Guitiriz. Foi unha aposta consciente e decidida ou medrou só?

-O fútbol sala é a miña especialidade, e a min contratáronme como monitor de fútbol sala. Antes había algo, non moito. Comezouse por crear unha base; foise metendo o equipo en campionatos, e os resultados chegaron máis adiante. O traballo diario é fundamental. Ata o meu terceiro ano aquí non comecei a traballar en cousas coma a carreira popular.

-O equipo xuvenil de fútbol sala, por exemplo, chegou a xogar dúas veces a fase final do Campionato de España despois de ser campión galego. É mérito seu, dos rapaces, de todos...?

-Distingo dúas partes no traballo. Hai unha parte que é a a de participar, presente nos rapaces das categorías inferiores. Pódese gañar ou perder, non me preocupa iso. Se estás nun nivel superior, digamos que nunha liga galega, a situación xa é distinta, porque non se pode ir por aí facendo o ridículo. Os rapaces xa piden esa competitividade. No resto da base, repito, xa dá igual: o obxectivo é a diversión, a aprendizaxe. Debemos ter en conta que rapaces de Guitiriz foron á selección galega e ao campionato de España de fútbol sala, e iso é un espello para os que veñen despois, un orgullo para Guitiriz e para os rapaces.

-Faise máis difícil un traballo coma o seu nun concello pequeno, onde a xente o coñece e lle pode dar queixas de que xoga un e non outro, por exemplo?

-Teño boa relación con todos. Levo aquí uns quince anos: nunca tiven problema con ningún pai, nin pai algún se dirixiu a min con malas palabras. O pai que está sentado na bancada é un afeccionado, e non ten por que saber o que pasa abaixo, na pista, que é o que sabe o adestrador. Eu non tiven problemas aquí, e son tamén pai de rapaces que fan deporte: sei que teño que deixar traballar aos seus adestradores. Supoño que isto será igual ca calquera outra profesión, e a xente ten que saber que nós somos profesionais do noso traballo.

-É agradable, supoño, ver que un sitio relativamente pequeno acada protagonismo polo deporte.

-É unha satisfacción enorme. Guitiriz é coñecido por moitas cousas; agora, tamén polo deporte. Houbo cousas moi importantes, e iso marca moito e tira moito dos rapaces. É un orgullo.

-Hai que obrigar aos nenos a facer deporte ou é mellor animalos?

-Hai nenos que van xa directamente ás Escolas Deportivas Municipais, e a outros hai que animalos a ir. Se non lles gusta o deporte no que comezan, é interesante orientalos a outros. Vin nenos que viñan ao fúbol sala porque lles gustaba aos pais; non lle atraía ese deporte, pasaron ao atletismo e fixérono moi ben. Se un neno non ten amigos nese novo deporte, é un pouco complicado, pero pódese facer, Quizais o problema está en que os nenos poñen a televisión na casa e ven fútbol, fútbol e fútbol; pero un exemplo témolo en Jonathan Carro: excolleu unha especialidade que non elixía case ninguén [ximnasia rítmica] e foi un grandísimo deportista. Hai máis casos coma ese... Creo ademais que aquí, dentro da poboación que ten o municipio [5.484, segundo datos do ano pasado do Instituto Galego de Estatística], a oferta é bastante boa.

«Os nenos teñen que elixir a actividade que máis lles gusta»

Coñecer xente non é difícil nun concello pequeno cando o traballo supón tamén contacto coas familias. Para Martínez, non é unha novidade. «Cando traballaba en Lugo, coñecía aos pais dos nenos e dos rapaces. Aquí, máis ou menos o noventa por cento da xente sabe quen é Manolo, o monitor de Deportes. Son unha persoa aberta e accesible, e creo que esa relación coa xente é positiva. Teño que falar coa xente, e a xente ten que falar comigo», di.

-Que supón para un neno ou para un rapaz facer deporte?

-Os nenos teñen que elixir o deporte que máis lles gusta. Cando cheguei ás Escolas Deportivas, medrou a oferta. Os nenos teñen que facer deporte; non hai que obrigalos, pero failles ben practicar algún. Teño oído que nalgún concello hai problemas nons nenos da zona rural para os adestramentos; aquí, non. Tes que adaptarte aos nenos, non podes esperar que eles se adapten a ti. Iso si, hai que darlles unhas normas. Este ano, despois de meses sen actividade, vin xente con exceso de peso pero con gañas de facer actividade deportiva. Creo que o deporte é necesario.

-Como animar a un neno a practicar un deporte que non é o fútbol?

-Os nenos de sete ou oito anos xa saben un pouco o que queren.

-É o seu traballo unha rutina ou non?

-Metade e metade. Hai cousas que fas todos os días, pero outras son cambiantes. Unha cuestión importante é que as Escolas Deportivas Municipais están a funcionar, respectando as directrices sanitarias que nos impoñen. A alcaldesa [Marisol Morandeira] apostou por iso. É importante ter o apoio do grupo de goberno, e eu, grazas a Deus, nunca tiven ningún problema nese sentido dende que estou aquí. Sempre tentamos innovar no que se pode; e se se pode traer algunha actividade a Guitiriz, traballamos para iso.