
Nado na Pobra de San Xiao (Láncara, Lugo) o 14 de xuño de 1930, Basilio Losada faleceu o sábado 9 en Barcelona, onde residía —por circunstancias da guerra— desde os nove anos. Levaba no fardel da memoria as lembranzas da aldea e da nenez, que moitos lle oímos contar en memorables sobremesas. Quizais as adornaba —un pouco ou un moito— porque o colega e amigo que nos acaba de deixar nacera co talento dos grandes fabuladores orais, só igualado, na narrativa oral en galego por Pedro Martul Rey.
Non é esta a ocasión para poñer o acento nesta faceta, só aparentemente pintoresca. Se a cito e a gabo superlativamente é por ofrecer aos lectores unha característica literaria importante de quen, xa mozo, estudou Filoloxía Románica, chegou a catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Barcelona e non tardou en ser, dentro e fóra de Cataluña, unha autoridade nos estudos literarios galegos e un gran coñecedor e tradutor das obras máis valiosas do universo lusófono.
Era, en Barcelona, o embaixador da cultura galega, e por el lletraferits cataláns e non cataláns tiveron noticia sólida dos nosos escritores, nomeadamente dos poetas. Varias antoloxías bilingües por el preparadas e prologadas deron a coñecer, por primeira vez, voces poéticas que se presentaban, co debido decoro, nas editoriais barcelonesas, chegando, desde a capital catalá, aos letraferidos de Madrid, de Salamanca, de Granada… Quen desexe coñecer a biografía de Basilio, neste e noutros sentidos, lea o Epistolario con Ramón Piñeiro (máis de mil páxinas), que é a crónica dun acontecer literario galego, en Cataluña, asombroso. Editárono, co rigor esixible, dúas discípulas de Basilio, desde hai anos profesoras no seu departamento: Helena González e Mª Xesús Lama (Galaxia, 2009).
Os xantares de Basilio cos amigos que ían de Galicia a Cataluña eran dunha fartura gastronómica só superada, ás veces, pola fartura erudita e pola riqueza e a brillantez das súas fabulacións orais. Era un anfitrión xeneroso, moi xeneroso! Eu deploro hoxe non ter recolleito ad litteram algúns dos seus fabulosos relatos. Neses simposios sempre estaba, desde había décadas, Isi, unha Isolda xermana coa que protagonizou unha das historias de amor máis fermosas e, asemade, máis felices. Non é difícil imaxinar o seu loito, o seu inmenso loito! De loito están moitos amigos, moitos alumnos, os amantes da prosa conversacional, os devotos das antoloxías e a Filoloxía galega, causa que serviu, con paixón e amplos saberes, desde os anos duros do franquismo.