Parécenos axeitado evocar agora a traxectoria do uso do idioma galego nos medios de comunicación a partir dos primeiros tempos do XIX. Xa na Gazeta Marcial y Política de Santiago, do 1812, apareceron algúns textos na nosa lingua. Foron a Carta recomendada , que firmaba Ramón González Senra, ou o Artículo comunicado , sinado por Xan de Mingucho. Tamén Conversación entre los compadres Bértolo y Mingote , que rubricaba R. F., e unha Conversa na que figuraban ó pé as letras iniciais F.R.P. Un ano despois, na Estafeta de Santiago apareceu unha carta en galego coa curiosa autoría de El payaso católico y decidido Presidente. Por su mandato el ciudadano Secretario . Noutras revistas e semanarios posteriores figuraron asemade, colaboracións diversas na fala do país. Tratábase de temesiños intentos de reproducir na escrita amosas da lingua popular. Pero ata 1874 non xurdiría o empeño de inxerir na prensa periódica o cultivo nela do pulo idiomático. Foi da man do poeta Lamas Carvajal en El Heraldo Gallego , semanario de Ciencias, Arte y Literatura . Nas súas páxinas deuse unha importante cita a plumas denominadas rexionalistas. Todas defendían a conveniencia de escribir na lingua do país. Pero o certo era que, na maioría dos casos, non a utilizaban. Dous anos máis tarde apareceu, dirixido polo propio Lamas, o primeiro periódico redactado totalmente no noso idioma: O Tío Marcos da Portela . A este xornal inicial fóronlle sucedendo outros, animados por semellante propósito. Así, no 1881 saíu do prelo en Santiago O Seor Pedro . Case simultáneamente, comezou a publicarse en Pontevedra A Tía Catuxa , Semanario galego de intereses e literatura rexionales . Tamén na cidade do Lérez publicábase en 1884 O Galiciano , e na Coruña A Foliada . Andados catro anos logo da aparición destes xornais, saía á luz pública, na propia cidade herculina, O novo Galiciano . No ano seguinte, imprimíase en Lugo A Monteira , Semanario de intereses regionales y de literatura . Dirixíao Amador Montenegro Saavedra. Definíase como periódico rexionalista, sen se confundir co separatismo. Posteriormente fóronse editando, en tempos sucesivos: O Labrego na cidade murada, e en Ourense As Burgas e Caldo e Touros . Todos eles disfrutaron de breve vida. Aló polo 1907 encetouse na Coruña a publicación de A Nosa Terra , que destinaba unhas tres cuartas partes das súas páxinas a textos en idioma galego. Durante o período que vimos de reseñar xurdiron outros periódicos. Algúns deles en terras de América, escritos no todo ou en parte en lingua galega. Pero ata ben entrado o século XX, non había ter continuidade e verdadeira proxección a prensa periódica na fala do país. A partir do 1916 foi cando semanarios e revistas comezaron a se valer de cheo do noso instrumento idiomático como medio de expresión. Mesmamente, no 16 xurdiu A Nosa Terra , co mesmo título da que aparecera no 1907. Reflexaba nas súas páxinas o propósito de atinxir para o idioma galego un significado cultural e social pleno. Consideraba que o problema da recuperación espiritual de Galicia tiña a súa base sustantiva na lingua. Máis que no estudio do pasado histórico, confiaban os seus redactores na afirmación creadora do autóctono desenvolvido a través do idioma. Porque este viña ser o resorte vital para facer repuntar a conciencia colectiva do país.