Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Ferrol é a segunda cidade de Galicia en «receptividade» ó uso do idioma

LUGO CIUDAD

Santiago é a única capital da comunidade con máis veciños que consideran útil o galego O Consello Municipal da Lingua prestará unha atención preferente ós escolares

23 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A «O tópico que sinala a Ferrol como a cidade menos galego falante de todo o país é falso», salientaba onte a máxima responsable do Servicio Municipal de Normalización Lingüística, Beatriz Bascoy. «E no que respecta á receptividad fronte á lingua -engadía-, só a supera Santiago». O Consello Municipal da Lingua está a elaborar un informe sobre a situación do idioma na cidade, que nas súas primeiras conclusións demostra que os baixos índices de uso -propios da maioría das áreas urbanas de Galicia, excepción feita de Compostela, Ourense e Lugo- contrasta coa «actitude positiva» dos ferroláns ante as iniciativas encamiñadas á normalización. O estudio, que utilizou como punto de referencia as enquisas publicadas no ano 93 polos responsables do Mapa Sociolingüístico de Galicia, vén subliñar que o 69% dos ferroláns ten unha alta capacidade lingüística para o uso do galego, fronte ó 77% dos coruñeses ou, por exemplo, o 82 % dos composteláns. Sen embargo, é unha das cidades máis receptivas a calquera medida que se adopte para potenciar o uso da lingua. A porcentaxe dos que declaran «ler moito» en galego supera o 20%. Os rapaces de entre 16 e 25 anos, ós que o Consello da Lingua prestará unha atención preferente («incentivando o uso da lingua de xeito positivo, e por suposto sen ningún tipo de imposicións», sinalan os responsables municipais), confesan aprender galego, sobre todo, na escola. Gabriel Rei-Doval O sociolingüista Rei-Doval, actualmente investigador na cidade de Oxford, sinala, pola súa banda, que «dicir que o galego desaparece responde, moitas veces, a unha estratexia política», e salienta que «as cidades non teñen por qué ser necesariamente desgaleguizadoras». «As cousas cambian para ben -engade-. Nos anos setenta, aínda había quen protestaba polo ensino en galego. O importante, agora, é incrementar o papel do noso idioma como lingua vehicular na escola».