
O centrocampista retorna ao seu equipo de orixe procedente do Laro O xogador comezou a adestrarse onte ás ordes de Gelucho, que pedíu a súa fichaxe
28 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Gelucho conta desde onte co primeiro dos reforzos que lle solicitara á directiva do Club Deportivo Lalín trala súa fichaxe a pasada semana. Manuel Santiago Alonso Salinas, Manu , incorporouse anoite aos adestramentos do conxunto roxinegro, o mesmo no que se formara como xogador, e cuxas cores defendeu ao longo de seis tempadas. Unha mala experiencia en Lugo e unha campaña en Betanzos completan o historial na Terceira División deste centrocampista de corte defensivo e 26 anos. Un futbolista parcialmente retirado, que desde o pasado ano militaba no Laro da Segunda Autonómica, máis pensando en manter a forma ca en xogar. Manu manifestou onte que retorna ao C.D. Lalín «en una etapa muy diferente a la viví anteriormente. Vuelvo a costa de mi trabajo (rexenta un restaurante co seu irmán, o ex roxinegro Willy), pero estoy dispuesto a hacer un sacrificio por el equipo de mi pueblo». O centrocampista regresa ao Cortizo «con ilusión, y con el compromiso de hacerlo lo mejor posible». E pesie a non xogar na Terceira desde hai dúas tempadas, «no creo que tarde mucho en adaptarme al ritmo de competición», asegura. O director deportivo do Lalín, Manuel Antelo, seguía onte negociando cos ex roxinegros Lois e Guerreiro a súa posible volta. Antelo ve máis factible a chegada do central, xa que o mediapunta semella máis reticente a fichar. Noutra orde de cousas, o equipo xuvenil de Román Blanco perdeu o domingo 3-1 na súa visita ao campo do Ponte Ourense. Unha derrota que se explica máis polos erros do conxunto visitante ca polos acertos do cadro local, segundo confesou o propio Román.