Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A «Sementeira» e tres cantigas de berce nun repertorio cheo de temas que marcaron época

La Voz

LUGO CIUDAD

22 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Carme Vázquez, unha das intérpretes clave de Fuxan, solista en moitas das cancións, sinala: «As nosas voces precisaban agora dun acompañamento instrumental detrás, que o grupo só non podía dar, e penso que enriquece moito a música». Esta palense asentada dende hai tempo en Brión, di que as respectivas actividades profesionais dos membros do grupo, cunha formación que variou ao longo do tempo, condicionaron bastante calquera proxecto recente.

Nesta ocasión, en cambio, voltaron con pulo aos ensaios nas fins de semana, indo todos a Lugo, ou xuntándose ás veces en Santiago.

Cre tamén Vázquez que moito público poderá escoitar en directo temas menos coñecidos, da última época: «Sempre e máis despois paréceme un dos mellores discos de Fuxan».

En todo caso, na selección de temas, non faltará a Sementeira, unha letra moi coñecida -Sementar, sementarei, loguiño de crarear, en tanto no pobo medre un meniño, un vello e un cantar...- pois soa a cotío nas festas galegas e xa forma parte da tradición folclórica de Galicia.

Colaboración de Sabela

Tamén reinterpretarán tres cancións de berce. Para Cantiga de berce, que arranca con aquelo de Durme meu neno durme, sen máis pranto..., recuperan a colaboración de Sabela, que facía o recitado. «Esa peza sen a voz doce de Sabela, non é o mesmo», di Carme. Fuxan reviviu poemas doutros autores, cantigas do vello mundo mariñeiro e do agro galego e populares foliadas e muiñeiras.

Dous espectáculos

Tamén a Nana para un amante ten sido moi celebrada e incluso gravaron posteriormente o Rorró. A Carolina, O aradiño, A lavandeira, ou, dos últimos tempos A malveliña e A romeira serán temas para os dous espectáculos organizados por Nonsí Servizos Culturais que abrirán o ciclo Sons da Diversidade previsto en Compostela.