A artista coruñesa presenta o sábado 26 en Lugo o seu quinto disco, «Readmirando a condición», que revisa éxitos como «Non son fada»
25 may 2018 . Actualizado a las 09:32 h.A compositora María Xosé Silvar (A Coruña, 1982), máis coñecida como Sés, é un furacán emocional, capaz de remover conciencias tanto enriba do escenario como a pé de rúa. A súa sensibilidade e o seu compromiso coa sociedade na que vive engancha a un público cada vez máis numeroso. A artista chega mañá a Lugo para presentar o seu quinto traballo, Readmirando a condición, unha revisión do seu primeiro disco, Admirando a condición, que contiña éxitos como Tempestades de sal ou Non son fada. O concerto será ás 20.00 horas no Auditorio Gustavo Freire, e as entradas poden adquirirse en Ticketea dende 12 euros.
-¿Como vai ser o concerto de Lugo?
-Vai ser moi bailado e moi bailable, moi desenfadado, moi fresco e, sobre todo, divertido, que é do mellor que se pode dicir dun espectáculo.
-¿Que tal responde o público lucense?
-Lugo e a súa xente gústanme moito, hai moitos galegofalantes, con dignidade cultural e identitaria e sinto mogollón a humildade da xente. Os máis esquecidos soen ser os máis interesantes, e en Lugo reflíctese iso. Hai moi bo ambiente.
-¿Cal é o segredo para encher salas, auditorios e conectar co público?
-Segredo non hai. Unha rapaza díxome un día que de maior quería ser coma min; e eu díxenlle: «Pois sé ti, sé verdade». Porque todos somos únicos. No mundo da música abonda máis a xente que quere ver o seu nome nun cartel que facer cancións, e eu son das segundas. Teño sorte porque podo vivir do que a min me gusta. Eu sempre lles digo á xente nova que estuden o que lles apaixona porque así sempre van destacar neste mundo gris de desidia e mediocridade.
-¿Non lle gusta que a chamen cantante?
-Eu compoño cancións e canto o que escribo, non me importa desafinar.
-¿Por que decidiu refacer o seu primeiro disco?
-Non era da miña propiedade, non me gustaba como soaba, oíame covarde e quería facerlle xustiza ás cancións.
-¿De onde lle vén a inspiración?
-Máis ben, ¿de onde non me vén? Xa non acendo o telexornal porque me pon de mala «hostia», pero se o acendo, fágoche tres discos. Son moi intensa, moi permeable e tamén moi ridícula para os tempos que corren. O outro día colguei un post sobre unha rapaza de 17 anos que se suicidou porque se sentía gorda, e aínda despois de morta, había xente que a insultaba. Ese día deiteime cedo e á unha espertoume unha canción que falaba desa rapaza. Por iso digo que eu as cancións súoas, vomítoas, espértanme... Todos debemos ser empáticos, pero solo o feito de pertencer a un colectivo humillado, como o das mulleres, xa nos debería dar esa empatía e rexeitamento á exclusión e humillación gratuítas. Eu abro Google e é terrible, as primeiras entradas son de políticos ladróns, frivolidades, machistadas ou a traxedia siria... Por iso digo, ¿de onde non saca a inspiración o resto? Cando oio que hai quen se mete tres meses nun estudo para compoñer, digo, «¡coño!, ¿pero en que mundo vives?».
-¿Cre imprescindible que a música remova conciencias?
-Non creo que a música teña que servir a ningunha causa. Pero para facer arte hai que ser sensible, o resto é entertainment. Non é o mesmo Silvio Rodríguez que Malú, nin El perro andaluz que Armageddon. A miña arte é moi sinxela e precaria, pero toda a arte que non reflexa a sociedade non é arte, é entertainment.
-¿Contribúen as redes sociais a estas frivolidades?
-As redes sociais non teñen a culpa, iso é o que nos queren facer crer os que mandan. Pero a culpable é a educación, se ti tes educación, non pasa iso. Unamuno dicía que canto menos se le, máis dano fai o que se le. É dicir, canta máis cultura, menos perigo, porque hai máis capacidade de xestión. As redes son unha bendición e dan moitas oportunidades.
-¿Como está o papel da muller na música?
-Como a plastidecor negra. Engánasenos dicindo que cada vez hai máis cantantes mulleres, ¿e iso que é? Que che din o que tes que cantar e como tes que vestir.
-¿Está a traballar xa no próximo disco?
-Eu estou continuamente compoñendo, son filla e neta de traballadores. Ademais, teño esa visión escatolóxica de que vomito e defeco as cancións, porque somos o que comemos, o noso discurso é froito da nosa previa consumición, e as cancións son iguais, son discursos musicados. A veces dinme, «Ses, ¿ti como sabes o que lle gusta á xente?» Coño, pois porque eu tamén son xente. Eu falo moito, pero tamén escoito moito e gústame empaparme de realidade indo á taberna ou vendo First Dates, para poñer os pés no chan e darme conta de en que mundo vivo, aínda que me poño moi rabiosa e choro moito. O outro día nese programa, unha rapaza presumía de que era de dereitas e de que os seus amigos a chamaban a «falangita»; e non pasou nada, non houbo ningún post viral, ninguén se indignou a pesar de que se pode dicir que aínda está o sangue quente nas cunetas.
-¿A sociedade está menos á defensiva?
-Estamos deixándonos anestesiar nesta sociedade, estase anulando á poboación e o tempo corre. Ás novas xeracións xa lles queda moi lonxe a morte de Paco, e a historia é cíclica. E non nos enganemos, esta non é a xeración da televisión, esa foi a nosa; a de agora ve Youtube, series enteiras en Netflix, diferentes plataformas... O seu aparello ideolóxico vén de lugares que non coñecemos. Hai un salto xeracional moi grande e ten que ser atendido.
«Toda arte que non reflexa a sociedade non é arte, é ‘entertainment’»
«O telexornal ponme de mala ‘hostia’, se o acendo, fágoche tres discos»
«Ser dun colectivo humillado, como o das mulleres, xa nos debería dar empatía»