Tanxugueiras: «É a primeira vez que nos poñen unha placa!»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Óscar Cela

As artistas foron as encargadas de destapar en Lugo a inscrición que homenaxea á palabra galega do 2021

05 mar 2022 . Actualizado a las 20:20 h.

«É a primeira vez que nos poñen unha placa, sentímonos como estrelas de Hollywood!», dicía entre risas Sabela Maneiro minutos antes de destapar, xunto a Aida Tarrío e Olaia Maneiro, unha placa coa que o Concello de Lugo quixo honrar a palabra do ano 2021 e, de paso, ao grupo musical: «Tanxugueiras». 

O 27 de decembro do 2021, moito antes de que o Benidorm Fest fixera correr ríos de tinta, o Portal das Palabras, impulsado pola Real Academia Galega en colaboración coa Fundación Barrié, anunciaba o termo galego do ano: «Tanxugueiras». Un topónimo posto de moda polo grupo de música tradicional que dende este venres loce sobre o granito da lucense Rúa Menorca. No chan desta rúa sucédense as palabras que foron gañando as votacións de cada ano: corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño e nós. E, como a do 2021 se asocia directamente ás músicas, a área de Cultura de Lugo pediulle ás artistas que participaran na inauguración. 

Olaia, Sabela e Aida foron as encargadas de destapar a praca da palabra galega do 2021, Tanxugueiras
Olaia, Sabela e Aida foron as encargadas de destapar a praca da palabra galega do 2021, Tanxugueiras Óscar Cela

«Para nós é un orgullo, montamos o grupo para chegar co galego a todos os sitios», explicaban as artistas, que, tirando de humor, presaxiaron autobuses cheos de xente dende Ribeira para sacarse fotos xunto á primeira placa das Tanxugueiras. 

Durante o acto, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, fixo fincapé en que a lingua e as palabras están vivas, e o mellor exemplo é o das Tanxugueiras, que lle poñen cara e ollos. «A do ano é unha palabra crónica que dalgún xeito narra o máis representativo dese ano. Habitualmente viña recollendo os momentos máis duros, pero a do 2021, como a do anterior, é unha palabra de alento, de optimismo». Porque nada máis optimista e vitalista que as propias Tanxugueiras. 

Durante a media hora que durou o acto foron o centro de atención pola enerxía que desprendían, o bo humor e polas constantes fotos que lles demandaban. A área de Cultura de Lugo optou por non anunciar a presenza das artistas, que desta volta non cantaron (aínda que virán pronto á cidade), pero iso non evitou que os curiosos que se atopaban paseando pola rúa ou indo ao supermercado se achegasen a pedir unha foto. Houbo tamén quen, en pleno acto, se dirixiu a algún dos intervintes para preguntar que pasaba alí, sorprendido por tanto movemento. 

As Tanxugueiras queren seguir levando orgullosas o seu nome polo mundo, pero sen perder de vista de onde veñen. «Estamos agradecidas e ancladas ao chan. Quen vai querer apartar os pés desta terra?»