Carlos Almoina, organizador do Caroutlet de Lugo: «Os concesionarios ofrecen boas ofertas para alixeirar 'stock'»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Almoina organiza a feira de vehículos Caroutlet
Carlos Almoina organiza a feira de vehículos Caroutlet CEDIDA

A maior feira e exposición de vehículos de ocasión e km 0 da provincia terá lugar os días 10, 11 e 12 no Pazo de Feiras e Congresos

08 nov 2023 . Actualizado a las 13:01 h.

Carlos Almoina, de Helem Servicios, organiza a duodécima edición do Caroutlet, a maior exposición de vehículos de ocasión e quilómetro 0 da provincia. A cita terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo esta fin de semana, entre os días 10 e 12, cun horario de apertura de 11.00 a 20.30 horas.

—Cantos vehículos haberá nesta feira?

—Haberá máis de 400 vehículos, repartidos nun espazo de 9.000 metros cadrados, entre os dous pavillóns e o túnel do Pazo. Nesta ocasión, participan nove expositores: Pardo Automoción, Roysan Auto, Blendio Autogomas, Ríos Motor, Autoiglemar, Lugomotor, OPC Motor, Sibuscascoche (Grupo Pérez Rumbao) e Códigocar.

—Que tipo de vehículos se poderán atopar?

—Haberá turismos, todoterreos, microdeportivos, furgonetas... Algo de eléctrico e híbrido, pero, sobre todo, turismos de gasóleo, que son os máis vendidos.

—Que expectativas ten o sector nesta feira?

—Este é un ano con certa incerteza, un pouco raro. Comezou con poucas vendas, remontaron en primavera e agora volve haber un parón. É certo que o vehículo de ocasión está entre un 10 e un 15 % máis caro que hai dous anos, pero tamén subiu moito o prezo dos coches novos. Aínda así, esta soe ser unha boa época para as vendas de vehículos porque os concesionarios ofrecen boas ofertas para alixeirar «stock», por temas de espazo. Por iso, nesta feira, ofrecerán descontos e ofertas de financiamento, para desatascar o «stock». Así que hai boas expectativas; proba diso é que o 90 % dos expositores repiten.

—Soen rexistrarse moitas vendas nesta feira?

—Este é un bo escaparate para o sector, con nove concesionarios nun único espazo, e véndese ben, cada ano rexístrase un bo volume de vendas. Tamén se xera tráfico de xente e unha venda máis directa. En moitos casos, ademais, as vendas non se pechan o día da feira, porque mercar un coche non é como mercar uns pantalóns, pero o evento serve para entrar en contacto e para ver os vehículos, e en decembro os concesionarios seguen facendo vendas a contactos que fixeron na feira. Hai que ter en conta tamén que ao longo da fin de semana se agarda a asistencia dunhas 3.000 persoas. Cada ano, da feira saen entre 80 e 100 unidades vendidas.