Tres estudantes da Facultade de Humanidades xeran dez vídeos nesta rede social para achegar o patrimonio lucense
24 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Toda a rapazada nacida logo do ano 2000 xa se comunica e entende o mundo cunhas ferramentas e cuns contidos diferentes aos que foron educativo en analóxico. Son os «centennials», rapaces que xa naceron cos teléfonos móbiles e as linguaxes que promoven estes dispositivos.
Boa parte destes rapaces xa están estudando nas universidades e xa aplican os seus coñecementos para desenvolver programas que a súa vez conecten coa xente máis nova para ofrecer contidos clásicos pero con novos formatos.
Un exemplo son as estudantes Lucía Alonso, Paula Dorado e Natalia Novás, da Facultade de Humanidades de Lugo, que crearon un perfil en TikTok para difundir vídeos cos que dan a coñecer o patrimonio lucense reiventando con sentido do humor intres icónicos da cultura popular.
A actividade que se desenvolve no marco das materias de Antropoloxía cultural e Análise das manifestacións culturais nos medios, ambas as dúas do cuarto curso do grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, é tamén froito do proxecto europeo
MURUS (MUrailles Romaines à l'Unesco et Sociétés), cuxo propósito reside na análise das dinámicas turísticas e patrimoniais arredor dunha candidatura a patrimonio Unesco para Le Mans, Lugo e Roma.
Estratexias
Segundo explican as estudantes, a súa tarefa consistiu en guionizar, producir e gravar dez vídeos para TikTok. «Utilizamos varias estratexias para divulgar o coñecemento da muralla de Lugo ou dalgún aspecto desta, pero a principal foi facer trends». Un trend, engaden, é un tipo de frase, contido ou referencia que está en tendencia en redes sociais nun determinado momento: pode ser un baile, unha canción, un audio ou a parodia dalgún acontecemento de actualidade ou dalgunha escena dunha serie de televisión.
«Nós tiramos partido deses trends e adaptámolos ao contido que queremos divulgar, é dicir, relacionámolo directamente coa muralla. Consideramos que os trends son o xeito máis doado de chegar á xente, xa que ao empregar un audio ou unha canción viral é máis fácil que o algoritmo de TikTok lles amose os vídeos a máis usuarios», explican as estudantes do Campus Terra da USC.
Os seus referentes
Lucía Alonso, Paula Dorado e Natalia Simón botan man para os seus vídeos de momentos icónicos da cultura pop. Por exemplo, empregan como referencia unha frase da película «Blade Runner 2049» que di «Semellas solitaria, pero eu podo arranxalo», mentres contemplan a muralla lucense.
«A xente comezou a subir os seus propios vídeos, nos que ollaban de xeito hipnotizado algo que lles gustaba, impresionaba ou admiraban. Nós fixémolo mirando a muralla de Lugo, un ben mundial que se conserva completo e ao que podes acceder cando queiras. Responde á idea de que o patio da túa casa é a humanidade», relatan as estudantes do Campus de Lugo da USC.
O tema de apertura de «Shingeki no Kyojin» (Ataque aos titáns) serve como inspiración para outro dos vídeos destas alumnas de Ciencias da cultura, xa que neste anime xaponés «a trama ten lugar dentro de tres murallas ou muros, que tamén teñen varias entradas e que funcionan como protección contra monstros xigantescos». Con este vídeo en concreto, comentan, o propósito é chegar «a aquelas persoas interesadas polo manga, o anime e a cultura xaponesa en xeral».
Recursos virais
Do mesmo xeito, aproveitan recursos virais tirados de programas de televisión como «Operación Triunfo» ou «Masterchef» e tamén da serie «Paquita Salas», de grande pegada na cibercultura contemporánea.
Os vídeos están dispoñibles tamén na rede social X baixo o usuario @Muralla_Lugo, coa idea de facelos accesibles tamén para aquelas persoas que por rango de idade ou intereses non seguen as tendencias de TikTok.
Ao perfil de X puxéronlle como data de nacemento o 30 de novembro de 2000, o día no que a muralla se converteu en Patrimonio Mundial.
Dentro do proxecto Murus
O proxecto MURUS no que tamén se enmarca esta iniciativa está liderado pola universidade francesa de Le Mans e nel tamén interveñen La Sapienza de Roma (Italia) e a USC a través das profesoras Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre, que imparten as materias Antropoloxía cultural e Análise das manifestacións culturais nos medios, respectivamente.
Dentro do mesmo proxecto MURUS organizáronse durante o curso 2023/2024 dúas sesións de grupo de discusión con alumnado tanto do grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural como de Xestión Cultural,
nas que se puxeron en común a relación destes estudantes cunha mostra patrimonial como é o caso da muralla de Lugo, o coñecemento que teñen del e os hábitos que desenvolven ao seu redor. Destes grupos de discusión saíu a elaboración dun cuestionario por parte do estudantado, que eles mesmos despois dirixiron ás súas amizades. «Interésanos saber a relación das persoas residentes coa muralla de Lugo e como dita arquitectura influíu na propia cidade, cun exemplo clarísimo como é a celebración da festa do Arde Lucus», sinalan as profesoras.