Unha tese investiga como manter os mexillóns en perigo de extinción dos ríos galegos

L. Blanco LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A bióloga Catuxa Varela defendeu a súa tese de doutoramento este venres no Campus de Lugo.
A bióloga Catuxa Varela defendeu a súa tese de doutoramento este venres no Campus de Lugo. ALBERTO LÓPEZ

A bióloga Catuxa Varela defendeu no Campus de Lugo a súa investigación sobre o cultivo da «Margaritifera margaritifera», que depura a auga dos cauces fluviais

14 dic 2024 . Actualizado a las 04:47 h.

Os ríos galegos conservan os mexillóns de auga doce, un valioso bivalvo que grazas a súa grande capacidade de filtración depura o medio. «A súa desaparición o que nos di é que perdemos calidade nos hábitats porque son centinelas do medio ambiente e indican que todo está indo ben», explica Catuxa Varela. A bióloga presentou este venres en Lugo a súa tese de doutoramento sobre o cultivo da Margaritifera margaritifera, en perigo de extinción e unha das máis ameazadas do planeta.

O estudo, que se circunscribe á conca do Ulla, enmárcase nun programa piloto de cría na Península impulsado a través dun Programa LIFE financiado pola Unión Europea. «Nós intentamos dar un empurrón á especie nas etapas iniciais tan sensibles e optimizar unhas técnicas que permitan sacalas adiante». Estas náiades, que se alimentan do que filtran, presentan unha elevada mortalidade «acrecentada pola contaminación e as alteracións que hai hoxe en día nos hábitats».

A súa supervivencia depende de peixes como o salmón ou a troita no caso da comunidade galega, xa que sen a súa presenza non poden reproducirse. «Soltan as larvas e teñen que agarrarse ás branquias dun salmónido autóctono para completar o ciclo e poden estar ata nove meses. Ás ameazas que ten a especie, como alteracións do fluxo da auga ou o quecemento global, hai que sumarlle os perigos que teñen os hospedeiros».

Especies centenarias

Dado a complexidade do proceso pode parecer un milagre que chegue a completarse. «Vemos como o proceso de cría e o crecemento son moi lentos como tamén o é o crecemento, pero logo unha vez que alcanzan entre os 6 e 10 anos son moi lonxevas». En Galicia superan os 65 anos, pero en latitudes máis setentrionais de media viven un século.

A nivel europeo, levan xa toda unha década apostando por cultivos que procuran que os exemplares sobrevivan máis. «É unha mágoa non seguir apoiando proxectos de conservación deste tipo, porque son necesarios, levan tempo e o esforzo está feito. Ademais, mantemos exemplares na estación criados dende 2013». De feito, teñen todas as cohortes menos nunha na que non lograron salvar a ningún individuo.

«E segue funcionando, cada día recolles datos novos, aínda que resulta difícil compatibilizar o seguir investigando con coidar aos xuvenís que tes», asegura a responsable da tese dirixida por Adolfo Outeiro, profesor do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC, e por Paz Ondina, tamén profesora deste departamento e coordinadora do grupo de Conservación de Peixes e Moluscos.