As experiencias dos CEIP A Guía (Meira) e O Camiño Inglés (Sigüeiro) coa prensa e cos intercambios
24 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Olga María González, a profesora de Inglés, fai de cicerone polo CEIP A Guía, en Meira, concello pontevedrés de Moaña. É un colexio case apertado contra a ribeira da ría de Vigo, nunha zona moi poboada de casas que non gardan nin a mínima liña estética homoxénea e deixan ruelas estreitas entre elas. O colexio, por fóra, é un máis, cun patio acolledor. Por dentro todo parece estar moi ben organizado e, máis que nada, moi ben decorado. Porque atopar paredes libres é case misión imposible. Os 94 rapaces (cunha ducia de profesores para atendelos) que estudan alí semellan ter querenza por facer murais de tamaño súper.
Este é un centro onde se traballa constantemente coa prensa. Están neste programa de Prensa-Escuela. «E levamos xa tres anos», engade Olga. A profesora e o seu colega Santiago Manso, tamén de Inglés, traballan con vinte alumnos de quinto e sexto sobre todo os mércores, que teñen lectura libre. Aí a aula énchese de xornais, que se converten na ferramenta básica para entender e elaborar noticias.
Na pasada Semana da Prensa na Escola, que se celebrou no mes de marzo, foron máis aló, e do primeiro curso ao sexto traballaron todos co periódico e, entre outras cosas, fixeron un gran mural -faltaría máis!- coas noticias dos xornais que lles pareceran máis interesantes. E non paran. Para facer nesta Semana Santa os de quinto e sexto levaron uns deberes moi especiais: teñen que elixir unha noticia para traballar con ela estes días e presentarse -«Pero sen forzalos, os que queiran facelo»- ao concurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil que organiza Prensa-Escuela. E niso están.
DE SIGÜEIRO A BISHOP AUCKLAND
Podcasts e maletas. Esas son as ferramentas de traballo de 18 alumnos do CEIP do Camiño Inglés, que abre as súas portas en Sigüeiro, á súa vez capital do concello coruñés de Oroso. O das maletas explícase porque están preparando un intercambio de alumnos dentro do programa Erasmus+ que coordina ese centro e que se chama Listening to our Heritage: The English Way. O CEIP sumouse así ao esforzo que está facendo xa dende hai anos o Concello para promocionar o Camiño Inglés no seu comezo, no nordeste de Inglaterra, a onde van ir os rapaces no vindeiro mes de maio.
O socio do programa -e xa que logo, quen vai recibir aló aos nenos de quinto e sexto- é a Escomb School, un vello pero moi activo edificio situado nas aforas da localidade de Bishop Auckland, puro territorio xacobeo. Fran Ávila, o director do CEIP coruñés, engade que «se utilizan como medio os podcast, por iso o de Listening», e matiza que o obxectivo fundamental é «a posta en valor do patrimonio común, ademais do desenvolvemento das capacidades lingüísticas do alumnado e a formación do profesorado a través do intercambio de experiencias». Na segunda semana de xuño recibirán aquí a dez alumnos ingleses.
actividades
A1. Nesta Semana Santa houbo a primeira ondada de peregrinos polos Camiños de Santiago. Hai algo disto no xornal? Grazas a un Camiño, os alumnos de Oroso van a Inglaterra, á cidade de Bishop Auckland. Atópala en Google Earth?
A2. Os de Moaña foron hai pouco aos Museos Científicos Coruñeses. Coñécelos? Para que vale un museo? Tes algunha foto ou recorte deles? Sería boa idea facer un mural con eses elementos?
A3. O director de Viaqua fala de rap. Que música che gusta a ti? Anímaste a participar nese concurso? Tes as bases en www.prensaescuela.es. E por certo, a páxina desa empresa é www.viaqua.gal. Bótalle unha ollada.
A4. E por último, é posible facer o que di o director de Viaqua e aforrar auga no teu centro? E na túa casa?