Idoia Cuesta, artesá de Outeiro de Rei: «A artesanía é un percorrido a longo prazo»

Laura López LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

Idoia Cuesta cultiva o vimbio que emprega para realizar as pezas de cestería
Idoia Cuesta cultiva o vimbio que emprega para realizar as pezas de cestería ALBERTO LÓPEZ

As súas creacións pódense atopar nos escaparates de marcas de luxo ou sobre as pasarelas de moda

30 mar 2021 . Actualizado a las 12:26 h.

Chegou a Galicia para preparar unha tese de bioloxía mariña a principios dos noventa, pero atopouse co Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) de Lugo e cambioulle a vida. Idoia Cuesta, natural de San Sebastián, formouse entón no sector téxtil, en teares de alto e baixo lizo, pero un curso de cestería foi o detonante para que cambiase o seu rumbo profesional e vital para converterse en cesteira: «Dinme conta de que non podía facer cestos tradicionais porque non estaba moi valorado» e porque xa había paisanos que os facían. Así que optou pola cestería contemporánea, na que conflúen o téxtil coa cestería, e na que combina o clásico vimbio -que ela mesa cultiva na súa finca de Outeiro de Rei, onde instalou o seu obradoiro-, coa la, a pel, a rafia, a corda, a madeira ou outras fibras vexetais.

Esa adaptación da tradición cesteira ás tendencias actuais, conquistando novos mercados, e a súa importante labor de dignificación do oficio da cestaría levouna a gañar no 2014 o Premio Nacional de Artesanía. E é que, grazas ao traballo de Idoia Cuesta, a cestería galega está dando a volta ao mundo.

Creacións para Loewe

As súas creacións, baseadas na tradición, na experimentación e na investigación, pódense atopar nos escaparates de marcas de luxo ou sobre as pasarelas de moda, da man de grandes deseñadores, como Maya Hansen para a que creou un corsé de medula de roten o ano pasado, Sara Coleman ou Martín Azúa. Coa firma Loewe, por exemplo, leva traballando desde hai case unha década, e na actualidade está precisamente inmersa no prototipado de bolsos para Loewe de cara ao Salón do Moble de Milán.

As súas creacións camiñan entre o mundo da decoración, o interiorismo, a moda, os complementos e a arte, con pezas funcionais e decorativas: cestos de diferentes materiais, bolsos, lámpadas, gorros, chales, puffs... que se poden adquirir en tendas especializadas ou mediante a venda en liña na súa web.

Esa labor de creadora vai acompañada tamén do traballo formativo, impartindo cursos, pero tamén traballando en diferentes proxectos con outros colectivos, como o labor que realiza para crear cabanas de vimbio vivo para os patios escolares.

En canto á situación do sector, Idoia opina que é bastante complicada porque «a xente non cre que se poida vivir da artesanía, pero si que se pode. O que ocorre é que non vai ser chegar e gañar diñeiro, a artesanía é un percorrido a longo prazo, a formación no oficio é dura, leva tempo, dedicación e tés que ter paixón», resume.