Caamaño & Ameixeiras presentan en Outeiro de Rei «Aire!»

La Voz LUGO

OUTEIRO DE REI

Caamaño & Ameixeiras presentarán «Aire!» en Outeiro de Rei
Caamaño & Ameixeiras presentarán «Aire!» en Outeiro de Rei CEDIDA

O dúo interpretará con acordeón cromático, violín e voz na Casa-Museo Manuel María os once temas do seu primeiro traballo discográfico

28 may 2021 . Actualizado a las 10:16 h.

O dúo Caamaño & Ameixeiras ofrecerá un concerto este sábado, día 29, na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei. Será ás 19.00 horas, e servirá para presentar o seu primeiro traballo discográfico, «Aire!».

O dúo, ligado á música e ao baile de raíz, compóñeno Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz). Formado no 2018, acumula na súa curta pero intensa traxectoria, un gran número de concertos, tanto dentro de Galicia, coma no ámbito internacional.

De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal coidadosamente escollido, Caamaño&Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a súa propia linguaxe, con composicións e arranxos personais e íntimos que manteñen a esencia do popular mais incorporan recursos contemporáneos.

«Aire!» é o seu primeiro traballo discográfico, producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz, onde contan con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana. Antes de marcharen para Cataluña (as próximas semanas teñen concertos en Barcelona e Tarragona), soarán en Outeiro de Rei.

As músicas de Oza dos Ríos e Laxe interpretarán co seu acordeón cromático, violín e voz os once temas do seu traballo «Aire!», que achegarán sons e bailes populares ás persoas que asistan. «Aire!» vén de ser presentado exitosamente o pasado 17 de maio no Festiletras do Couto, en Ponteceso.

O concerto levarase a cabo na horta da Casa-Museo, e para asisitir é necesario facer unha reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no WhatsApp do 698 177 621. A entrada custa 5 euros.