As oito rutas de sendeirismo máis coñecidas e concurridas da Serra do Courel estarán pronto dispoñibles para a súa descarga en teléfonos móbiles. O Concello está recabando datos sobre o terreo para informar sobre estes itinerarios na súa páxina oficial en Internet. A web permitirá tamén descargalas en dispositivos móbiles.
Os responsables municipais elixiron as rutas de sendeirismo más tradicionais e decidiron non facer máis de oito para garantir que as que se inclúan estean accesibles para quen as queira percorrer. «Os itinerarios que aparezan na nosa web teñen que estar ben sinalizados e limpos de maleza», explica a alcaldesa, Lola Castro. «Non tería sentido -explica- describir sendeiros e que despois vaia a xente e non se poida entrar neles».
Entre os camiños seleccionados están os que permiten percorrer a devesa da Rogueira desde Moreda e desde o monte do Couto; a do monte Cido polas aldeas de Parada, Vilar, Froxán, Seceda, Seara, Visuña, Ferramulín; a dos sequeiros de Mostaz; a dos castros da Torre e Vilar, ou as das minas romanas da Toca e Torubio, ou a de Ferramulín a Visuña por Hórreos.
As elixidas son as primeiras que foron sinalizadas neste municipio para a prática do sendeirismo e as que o Concello se compromete a manter sempre en boas condicións.
Nesta lista non entra a nova ruta de subida a Penaboa aberta este ano por uns veciños e que gañou sona pola súa dificultade extrema. «Queremos incluíla enteira máis adiante, pero na lista actual só entra unha parte dela, entre outras cousas porque parece ser que na parte que pasa por territorio de Pedrafita non está moi limpa», di a alcaldesa.
Nestes momentos, o Concello de Folgoso do Courel ten persoal traballando sobre o terreo para incluír na descrición das rutas as súas coordenadas para que os sendeiristas poidan utilizar dispositivos electrónicos para moverse por elas.
Os responsables municipais confían en que a descrición destas rutas estea dispoñible pronto na páxina web municipal, igual que a información que os usuarios poderán descargar sobre cada itinerario.