Ramón Carballo: «Non concibo contarlle a un amigo algo no que non creo»

Jesús Varela LUGO / LA VOZ

PEDRAFITA DO CEBREIRO

Carlos Castro

O candidato do PP á alcaldía de Lugo garda as mellores experiencias persoais da súa vida no seu traballo como veterinario nos concellos da montaña

12 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Amigo dos seus amigos, Ramón Carballo (Pedrafita do Cebreiro, 1959), elixe como recuncho a Praza do Campo, o espazo onde cando era mozo xogaba cos seus compañeiros e que agora segue a gozar «porque recuperou o seu esplendor, coas súas terrazas, e a onde veño todos os días para tomar algo cos amigos e os veciños». Veterinario de profesión, chegou á política en 1987, e conta cunha longa experiencia na administración, tanto na local como na autonómica e central, onde foi subdelegado do Goberno co seu prezado Mariano Rajoy.

1. Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe?

Como media durmo entre seis e sete horas ao día, incluídas as fins de semana. Esta noite non lembro de soñar nada concreto. Iso si, a noite que soño durmo moito mellor.

2. Que serie está a ver ou cal foi a última que viu? Ten plataformas de pago?

Estou a ver You, un drama americano sobre unha obsesión dun rapaz a unha rapaza. A última que vin foi Narcos. Teño Netflix e Movistar.

3. Se lle deran a elixir, con quen se tomaría agora mesmo un café ou unha caña? E xa postos, ¿café, caña, refresco...?

Agora mesmo, se puidera, tomaría un café con miña nai na residencia na que está. Unha caña ou un viño o tomaría ao mediodía cos amigos.

 4. Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

A infancia, o sitio onde nacín, é onde están os mellores recordos. Pero se teño que pensar nun momento, foi cando me puxen a traballar de veterinario nos concellos da montaña. Gardo as mellores experiencias persoais da miña vida.

5. Cando foi a última vez que convidou a alguén a tomar algo?

Pois hai dez minutos un café. Todos os días invito e me invitan. Tiven unha campaña chamada «Un café con Ramón», que me permitiu falar con moitísima xente.

6. E cando foi por última vez a cear con amigos?

Non son dado ás ceas de amigos. En cambio si fago todas as semanas varias comidas con amigos, e dependendo da pandilla, unhas acaban en cartas e outras en faladoiros. Gústame moito a sobremesa.

7. Cando chega á casa o primeiro que fai é...

Poñerme cómodo, sentarme e comer algo suave.

8. Pola súa actividade política a que non estaría disposto a renunciar?

Traizoar aos meus principios, que están por riba de todo, e que son os que aprendín na familia: honradez, sinceridade, sacrificio, traballo e lealdade. Non concibo contarlle a un amigo algo no que non creo.

9. Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

Non teño seguro de saúde privado. Teño dúas tarxetas bancarias, unha de crédito e outra de débito.

10. Ten coche? Cal e desde hai canto? E que móbil?

Ata o pasado ano estiven cun Audi, que nunca me deixou tirado nos trinta anos que me acompañou e no que me sentín moi cómodo. Cambieino agora por un Mercedes. Logo, no traballo de veterinario, si que gastaba coches cada tres anos. Tiven catro todo terreos, cinco Ibizas, un Golf Polo... O móbil é un Samsung Galaxy.

11. Ten vivenda en propiedade ou en aluguer?

Vivenda en propiedade, con hipoteca.

12. Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

Reflexionar sobre os resultados, seguro, sexan cales sexan, e a partir de aí xa tomaremos o camiño en función do que pase a noite do domingo 26.

 

O que dí a súa letra

Por Luis Alamancos. Grafólofo e responsable de Inpeval

SANGRÍA NA MARXE: PERSOA ORDENADA. A sangría na marxe é dunha persoa ordenada. A firma chega a invadir o texto, propio de quen se implica no que fai. A firma riscada advirte de elementos dun mesmo que non lle gustan e desexaría cambiar. O ángulo cara a esquerda indica disconformidade co seu pasado ou contorno. De trato reservado. O punto ao remate da firma: meticulosidade e desconfianza.