Asociacións da Terra de Miranda recollen vocabulario tradicional da zona
26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Que na terra de Miranda, territorio desa Galicia oriental abundante en montes e en vales sucados polo Eo, se fala galego é cousa lóxica. Pero trátase tamén, como saben os lectores de Álvaro Cunqueiro, da terra que don Merlín converteu na súa residencia, así que se cadra pode acadarse o prodixio de entender moitos idiomas: en «Merlín e familia» aparece o quitasol Mirabilia, que era do bispo de París e que o día de Pentecostés, estando o dono debaixo, comprendía todas as linguas.
Recoller e comprender é o que agora están a facer asociacións desa zona. O primeiro paso é recompilar vocabulario tradicional, palabras que se van perdendo ou que se empregan menos. O profesor Paco Veiga, que naceu na Órrea (Riotorto) e que ten ampla participación na vida social e cultural da comarca natal, lembra a normativización do galego como un proceso necesario pero con negativos efectos secundarios: «Perdéronse as falas locais», afirma
Na súa parroquia natal, por exemplo, non hai bidueiros, árbores de cortiza clara que adoitan medrar en terreos húmidos, senón budueiras; o día anterior ao de hoxe non é onte senón ontes, e a xente non vai ao muíño senón ao muín. Coma noutras zonas do norte de Galicia, o caldo e o cocido fanse con cimos, non con grelos. Veiga recoñece que os xiros se van perdendo e que un rapaz de hoxe seguramente non entende o que se quere expresar cando se di dunha persoa ‘manaia sexa’, que é unha expresión coa que se pide, en sinal de gratitude, que sexa bendicida.
O traballo foi planteado hai semanas, co gallo dunha nova edición das Xornadas da Terra de Miranda, celebradas este ano na Pontenova. A proposta obtivo unha boa acollida dos asistentes, e asociacións desa comarca —un antigo arciprestado de vinte parroquias no bispadode Mondoñedo-Ferrol, pertencentes aos actuais concellos de Riotorto, da Pontenova e de Trabada— xa acordaron comezar o labor, cuxo obxectivo final, aínda que a longo prazo, sería a elaboración dun dicionario.
Máis inmediato é ir recollendo palabras, que se incluirán en documentos informáticos acompañadas dun exemplo do seu uso, do lugar onde se recolleron e de quen as incorporou a ese texto colectivo. Está previsto tamén estudalas e catalogalas: «As palabras quedarán aí, pero haberá que darlles unha volta», explica o profesor.
Veiga salienta que proxectos semellantes a este —acollido, di, con verdadeiro entusiasmo polos asistentes ás devanditas xornadas da Pontenova— se están a desenvolver noutros lugares desa Galicia que se aperta con Asturias: comenta, por exemplo, o labor de recolleita de vocabulario popular no IES Fontem Albei (A Fonsagrada) e de estudo do patrimonio tradicional no concello de Ribeira de Piquín.
Os costumes cotiáns foron mudando, e as relacións sociais, tamén. Iso explica, como recoñece Veiga, que hoxe non se fale igual que hai décadas e que se teñan introducido palabras que se xeralizaron pola súa presenza nos medios de comunicación. Comenta con admiración o caso dun negocio da zona que emprega o galego nos seus traballos, pero que non é alleo á presenza de palabras popularizadas nos últimos anos: empregar un verbo como alugar cando o acostumado na beira do Eo era falar de arrendar constitúe un exemplo desa situación.
Sen xente non hai cultura
Coma moitos outros, estes concellos sofren dende hai anos unha constante perda de poboación, o cal implica tamén unha perda do vocabulario que antano se coñecía e se usaba cotío. Veiga pon o dedo na chaga: «Se non hai xente, non hai cultura», di, aínda que fuxindo da tentación de botar a culpa dos cambios á maneira de vivir dos novos ou ás novas tecnoloxías.
Un territorio coñecido pola literatura e cunha fonda base real
«Dende Miranda vese Esmelle todo arredor, o castelo de Belvís, a lagoa dos Cabos, e de día, a seu carón, o fume das ferreirías do Vilar». Esa paisaxe queda descrita en «Merlín e familia» por un autor que coa terra de Miranda tivo unha relación tan forte e longa coma real, pois a nai de Álvaro Cunqueiro era de Riotorto, a onde el acudía varias veces ano ano sendo neno. Esa relación foi de proveito para a literatura galega, pero baseada no só na imaxinación creadora cunqueiriana senón tamén nun coñecemento xeográfico.
Nun artigo publicado na revista «Destino», que aparece no volume «El laberinto habitado», o autor mindoniense escribe: «Miranda es una tierra montañosa, que nace donde terminan los llanos pastizales de la antigua Bretoña, y va a morir en estrechas vallinas en el río Eo, que es la frontera entre galaicos y astures».
Dende hai anos, as Xornadas da Terra de Miranda, que se van celebrando nos concellos da zona, tentan analizar cuestións de patrimonio e de perspectivas socioeconómicas, coa participación de expertos e de veciños que desenvolven alí a súa actividade, na procura de novas expectativas.