O instituto Gregorio Fernández pide unha escola de idiomas

La Voz LA VOZ | SARRIA

SARRIA

24 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? claustro de profesores do instituto sarriao Gregorio Fernández acordou solicitar á Consellería de Educación que cree neste municipio unha escola oficial de idiomas. O profesorado considera que este centro reúne condicións suficientes para albergar unha escola deste tipo, por dispor de espazo suficiente e por permanecer aberto de luns a venres ata as dez e media da noite, a causa das ensinanzas que nel se imparten. O instituto dirixirase proximaente aos concellos da comarca para pedirlles que apoien esta solicitude. Os autores da petición consideran necesario que Sarria conte cunha escola de idiomas a causa da «cada vez maior inquedanza que hai nos veciños da comarca» pola aprendizaxe de linguas estranxeiras. Esta necesidade, aseguran, é sentida polos estudantes e o profesorado dos diversos centros de ensino locais e polos profesionais da hostalería, así como polos veciños en xeral. Sinalan ademais que na actualidade é preciso desprazarse a Lugo ou a Monforte para realizar estes estudos, «feito este que ocasiona que a maioría das persoas renuncien ao ensino de idiomas». Os asinantes da petición indican por outro lado que, excepto Sarria, todas as localidades da provincia que superan os 10.000 habitantes contan cunha escola de idiomas.