David Amor: «Todo é máis universal do que pensamos, incluso o de sentirse únicos»

Paula Currás / M.G. LUGO/LA VOZ

SARRIA

La MarelA

O actor, humorista e presentador de televisión,  actuará este domingo no «Sarria Sorrí» na compañía de Xosé A. Touriñan, José Juan Vaquero e Álex Clavero

07 ago 2021 . Actualizado a las 17:17 h.

David Amor, artista polifacético onde os haxa, subirase este fin de semana ao escenario sarriao para presentar «Lechazo á feira», un espectáculo que se converteu na excusa perfecta para que catro amigos se poidan xuntar e gozar proporcionalmente ao que o fai todo aquel que se achega a velos. As entradas para a actuación deste domingo ás 21.00, poden adquirirse todavía en www.clicentradas.es cun 40% de desconto.

—Non é a súa primeira vez no «Sarria Sorrí», que lle aportan iniciativas como esta para que decida repetir?

— Primeiro porque o escenario é o que me enche e o que me gusta, e depois porque estes ciclos que son tan completos, con tantos compañeiros, son máis atraíntes. Facer este show, supón compartir escenario con tres dos mellores cómicos que hai neste momento, e que teño a sorte de que son amigos. Son todo razóns para dicir: «alá vou».

—Poderíase dicir que «Lechazo á feira» parte de catro amigos que se unen para facer humor.

—Sí, ese é o resumo. Isto ten unha parte artística na que pensamos que ofrecemos un espectáculo con catro humores moi distintos pero que combinan moi ben, unha mostra bonita de distintas formas de entender o mundo, pero divertidas as catro. E despois persoalmente, hai o punto de que somos compañeiros, que os admiro moito e de que ás veces por axenda é moi difícil poder vernos. É unha maravilla de excusa para estar xuntos, para falar... e tamén un doble agasallo, tanto para o público que vai ver un espectáculo realmente bo, como para nós, que imos ter a sorte de vernos e compartir un ratiño.

—Segue o mundo cómico esa liña de unión ou cre que hai máis rivalidades?

— Eu creo que a liña é esta, polo menos coa xente coa que eu me levo. Aquí en Galicia percibo que é un sector no que hai moito respecto e que está moi unido. Artistas como Carlos Blanco, por exemplo, sempre foron de aunar, sempre trataron de sumar, e penso que o herdamos un pouco. E a verdade é que nos interesa, porque para que haxa un ciclo de humor ten que haber moitos, cun só non se fai programación.

—Con este espectáculo xa levan varios anos facendo camiño, por que cre que funciona tan ben?

—Porque os compañeiros son boísimos e porque todos teñen unha liña de humor que sendo distinta, combina moi ben. Seguramente entre o público haxa xente que sexa máis fan dun que doutro, pero do que non son fan non lles vai molestar, vailles gustar, vailles encher e vailles aportar. Iso fai que sexa un espectáculo moi completo. Cada un ten o seu estilo, pero hai respecto, que me parece a palabra máis bonita que pode haber entre compañeiros.

—Ten o humor un efecto unificador e simplificador das diferenzas que nos separan?

—A única fórmula para non separarse é non querer separarse, o resto non hai nada que facerlle. O que sí, o humor fai que todo non teña tanta importancia ou tanta relevancia. As cousas nunca son tan importantes como nos parecen. Creo que o humor debería estar moi presente en todos os ámbitos da vida, en todos os momentos. Sabendo aplicalo, pero estando aí.

—Non lle gusta falar de límites no humor, pero, por que cre que é un tema que xera tanto debate?

— Porque de algo tedes que falar. Os medios teñen a capacidade de poñer debates na sociedade. Canta necesidade hai? Non o sei. Moitas veces é un problema de proporcionalidade. Vémolo coa política, de repente hai unha cousa que unha semana é importantísima e a semana seguinte xa non se fala máis diso. Hai cómicos que foron censurados e eu dígoche que o noventa por cento falarán do mesmo, pero non foron obxectivo nese momento. Unha cousa moi curiosa é que a xente que critica seguramente foi a espectáculos e nunca lle importou nada, entón, se ti non fas a reflexión no propio espectáculo, realmente non é algo que che molestaba, é unha reflexión externa a ti. O único límite do humor, é facelo ben.

—Moitas veces din que os galegos temos un humor moi noso, que non se acaba de entender fóra. Cre que é un signo de identidade do noso pobo?

— No, para nada, eso son cousas que venden moi ben, chovinismo…Hai cousas que son totalmente universais e o humor é unha delas, é unha emoción. Eu vou por fóra, falo de miña avóa, das vacas, das verbenas…e a xente rise porque ao final creas un contexto. Se eu fago humor con cousas daquí, o que as coñeza faralle moita máis gracia…pero todo iso que denominamos como retranca ou tal, hai moitos humoristas que o utilizan, o que pasa é que quizais aquí sexa unha forma máis usual de comunicarnos.

—Quizáis esa parte é a que máis nos define ou nos pode diferenciar.

—Si, esa fórmula de humor é a que máis utilizamos nós. Non nos fai mellores nin peores, diferéncianos. Eu fixen El club del chiste, e realmente é difícil atopar chistes bos. Eu diría que pode haber un par de centos. No momento no que nos quedamos sen eles, comezamos a buscar noutras culturas, noutros países…e era curiosísimo como os chistes seguían exactamente a mesma estrutura. Eu creo que cando tés algo teu hai que coidalo e mimalo, pero non considerarse mellor que nadie, nin máis especial. Todo é máis universal do que nos pensamos, incluso o de sentirse únicos.

—En que anda metido nestes momentos? Seguirán os seus proxectos de futuro ligados á comedia?

— Agora estamos co espectáculo de Love está no aire, co que xirarei en Galicia e fóra, e tamén no macroproxecto de Cómicamente que son unha serie de actuacións que estarán facendo diferentes cómicos por toda Galicia. Despois, coma sempre, supervivencia total, buscando proxectos onde poida encaixar, onde poida disfrutar, e onde poida seguir adicándome a isto que tanto me gusta.