O partido arrinca ás 20.30 horas, cos de Luisito coa única baixa de Borja Míguez
23 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Liga de Terceira R.F.E.F. regresa hoxe á acción tras o parón a semana pasada pola participación da selección galega de fútbol afeccionado na final a catro da fase nacional da Copa das Rexións UEFA. O calendario leva o Arousa a medirse á Sarriana no estadio municipal da Lomba, no último dos nove partidos adiantados da xornada 26 en dar inicio, coa directiva do club vilagarcián apostando por un horario de inicio intempestivo: 20.30 horas.
Nas súas mans, os de Luisito Míguez teñen a oportunidade de desfacerse definitivamente dun rival directo que, tras chegar a moverse algunha semana entre os cinco primeiros, isto é, na zona con dereito a disputar a vindeira fase de ascenso á Segunda R.F.E.F., encadeou unha xeira de tres empates sucedidos doutras tantas derrotas antes da súa vitoria pola mínima no encontro previo ao parón, cun 1-0 sobre o Betanzos. Oitava con 32 puntos, a Sarriana preséntase na Lomba con afán de recurtar os 8 puntos de desvantaxe que mantén co seu anfitrión.
O adestrador do Arousa sinalaba na véspera do choque o punto de incertidume que existe tras cada parón no campionato común a todos os equipos. Con todo, amosou o seu convencemento en que «el equipo va a responder al nivel que estaba respondiendo antes del parón», cando acumulaba tres triunfos e dous empates encadeados. Tras louvar o seu rival, en liña semellante ao do resto dos conxuntos cos que vai enfrontándose o Arousa, Luisito informou de que conta con todos os seus efectivos dispoñibles agás Borja Míguez, de baixa tras ser intervido cirurxicamente dunha hernia inguinal.
Respecto ao estado do terreo de xogo, que hai trece días acabou impracticable xa no inicio da segunda metade do duelo co Silva, o adestrador de Teo considera que, inda lonxe de estar en perfectas condicións, atópase «mucho mejor que en los anteriores partidos», logo de que a Fundación Municipal de Deportes destinase catro persoas a tentar recuperar a regularidade do nivel do seu firme o luns e o martes da presente semana. Un labor ao que contribuiu o cese da chuvia desde mediados desta semana.
Dous canteranos con Galicia
Polo que respecta á canteira, dous xogadores do Arousa disputan esta fin de semana o Campionato de España Sub 12 de categoría masculina. Trátase do porteiro Alonso e do dianteiro Lucas. Cataluña, Madrid, Castilla-La Mancha e Canarias son os seus rivais.
Os que non xogan esta fin de semana son os futbolistas do División de Honor Juvenil, cuxa próxima xornada está fixada para o vindeiro mércores. Ese día, os pupilos de Perú estarán obrigados a gañar no campo do pechacancelas, o Coruxo.