Javi Liz: «Os éxitos da Sarriana nesta Terceira baseanse no traballo do grupo»
SARRIA
O gardamallas admite que lle gustaría ascender á Segunda Federación
04 ene 2025 . Actualizado a las 16:09 h.A SD Sarriana rematou o 2024 na segunda praza do grupo primeiro da Terceira Federación. Suma 31 puntos, catro menos que o líder, co que empatou na derradeira xornada do pasado ano. Se ben, a clave desta traxectoria está no traballo do grupo, un dos artífices ten nome e apelidos: Javier Liz, o porteiro do conxunto de Ribela. O futbolista, que cumpre cinco tempadas no equipo sarriano analiza a campaña e fala das opcións de poder ascender á Segunda Federación.
—Que valoración fai da primeira volta da Sarriana?
—Penso que esta primeira volta foi moi boa, eu diría incluso que rozando o sobresaliente. Ofensivamente xeramos moito, e quizás nos falta facer axustes defensivos, que é o noso debe. Se o logramos, estou convencido que estaremos arriba toda a campaña.
—Onde radica a clave desta boa tempada?
—No noso estilo de xogo. A Sarriana aposta por un fútbol combinativo, que é o que nos gusta. A clave está en crer no que facemos, e temos que seguir traballando a saída de balón e presionar arriba tras perda. Esta filosofía é a que explica que esteamos aí arriba na clasificación.
—Marchou Jaime Paz e chegou Guillermo Oriol, nótanse as diferenzas?
—A liña é continuísta. Evidentemente, o novo míster ten as súas ideas, pero a idea é similar. Podo dicir que ten boa pinta.
—Están segundos a catro puntos da UD Ourense, que lidera a clasificación. No partido do Couto arrancaron un bo empate?
—Sumar ante o líder sempre é un bo resultado. De todos os xeitos, podo dicir que fixemos unha gran primeira metade, e se chegamos a marcar algunha das ocasións que tivemos, igual teríamos sumado os tres puntos. Pero si, o empate é un moi bo resultado.
—A tempada pasada xogaron a fase de ascenso á Segunda Federación, cal é o obxectivo esta tempada?
—O obxectivo ten que ser igualar o que fixemos a campaña pasada, porque foi un fito importante. Pero entendo que incluso se podería aspirar a máis, é dicir, gañar a liga e xogar polo ascenso.
—E que factor permitirá á Sarriana loitar coa UD Ourense e co resto de equipos que ocupan a zona de privilexio da Terceira?
—A clave estará en encaixar menos goles. Temos que mellorar nesta faceta. Se o conseguimos e sumamos cada xornada, estaremos competindo polo ascenso.
—Vostede fai fincapé no grupo á hora de explicar este éxito da Sarriana.
—Así é, porque os éxitos da Sarriana baséanse no grupo. Somos unha auténtica familia. Ademais de compañeiros no campo, somos amigos fóra. E iso é fundamental.
—Esta Terceira é bastante igualada, sobre todo na zona de privilexio, non si?
—Estamos falando dunha Terceira Federación moi parella. E son os pequenos detalles os que deciden partidos. Nesta categoría é moi difícil gañar fóra da casa, pero nós demos un paso adiante nese sentido, e ademais logramos un equilibrio nos resultados de fóra e da casa.
—A vindeira fin de semana reciben ao Arteixo, un equipo que coquetea coa zona baixa.
—Será un partido complicado, porque a súa clasificación non é real. Quero dicir que non se axusta ao nivel de futbolistas que ten. Son xogadores con talento e con experiencia.
—E como se explica que unha vila como Sarria estea aí entre os mellores de Terceira e con opcións de ascenso á Segunda Federación
—Só hai unha explicación, que é o gran traballo que fan a directiva e Vilariño, o director deportivo. Acertan plenamente nas fichaxes. Todos os futbolistas que chegan axústanse ao perfil que necesita a Sarriana. E logo tamén está o importante desembolso económico que se fai
—Con 31 anos está en plena madurez futbolística, gustaríalle xogar na Segunda Federación?
—Si, a miña ilusión sería ascender coa Sarriana e competir na Segunda Federación.
—Un desexo para este 2025.
—Que nos respecten as lesións e que sigamos gozando do fútbol. E darlle as grazas a afección que temos, que é un luxo.