Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Un sacerdote bo e xeneroso, amante da historia da súa parroquia e da natureza

Amelia Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SARRIA

Cedida

A súa pegada de servizo aos demais estivo vinculada á provincia lucense

26 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Marcha un bo e xeneroso, que a pesar de exercer o seu labor sacerdotal pola provincia de Lugo, nunca se esqueceu da súa terra natal, levando sempre Soutolongo no corazón, parroquia á que adoitaba achegarse sempre que podía para gozar da súa familia e da natureza, e para seguir recompilando datos sobre a historia do templo local que acubilla pinturas murais do século XVI e un fermoso retablo barroco.

David Gil Mato foi ordenado sacerdote o 29 de xuño de 1968 por Antonio Onda de Echave, despois de realizar os seus estudos eclesiásticos e licenciarse en Teoloxía. Un ano despois da súa ordenación sacerdotal foi nomeado ecónomo de San Xoán de Seoane e Courel, e seguidamente encargado de Santa María de Meiraos. Foi arcipreste do Courel e vicearcipreste de Sarria (2010), e membro do órgano colectivo do Consello Presbiteral Diocesano no ano 1972, e ocupou cargo na comisión para a constitución da caixa de compensación diocesana. O seu extenso labor sacerdotal levouno a ser asesor relixioso do centro de EXB de Seoane no Courel, para no ano 1993 ser nomeado párroco de Santa María de A Régoa de Monforte e San Xoán de Chavaga; e en outubro dese mesmo ano, fora elexido arcipreste de Monforte. Foi tamén administrador parroquial de San Vicenzo de Carracedo, Santa María de Lama, Láncara e Santa María de Toubille, e tamén exerceu de administrador de Santalla de O Alto.

Entre os moitos cargos que ostentou o cura lalinense David Gil Mato ao longo de todos estes anos sacerdotais, figura tamén o de director do Instituto Teolóxico Lucense, dende 2009 ao 2014, ano en que foi nomeado párroco de San Pedro de Láncara, ademais de administrador parroquial de San Salvador de Toirán, San Xoán de Traslite e Santa María de Vilaleo.

A misa de funeral polo reverendo David Gil Mato, que está sendo velado na Romea, no Velorio do Deza, terá lugar hoxe ás 12.00 horas na igrexa parroquial de Santa María de Soutolongo (Lalín), e estará presidida polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco.