«O encargo dos pañolóns para as Fallas de Valencia chegoume polo Facebook»

Mar García Balseiro
MAR G. BALSEIRO VIVEIRO / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

A viveirense, con obradoiro en Vilalba, traballa nun proxecto de mandís e faixas para o traxe tradicional galego

10 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Noela Feal (Viveiro, 1980) enviou onte dende o seu obradoiro de tecelá en Vilalba un paquete singular: pañolóns que usarán varias mulleres dentro duns días con traxe tradicional na festa das Fallas. Pezas únicas, exclusivas que lle abren un novo campo aos seus deseños.

«O encargo chegoume por unha mensaxe no Facebook; foi toda unha experiencia e a cliente encantoulle». Noela herdou a súa arte da desaparecida María Chao, a señora María, que dá nome ao seu obradoiro, e coa que participou nun proxecto de recuperación dos chamados liños Vivieros, que incluía todo o proceso, dende a plantación.

«Hoxe o liño cómproo fiado, sería totalmente inviable porque o que habería que cobrar sería incalculable», di. A tecelá viveirense si constata «que a xente ten cada vez máis en conta este oficio, está volvendo a interesarse polo tecido tradicional e orixinal para o traxe galego».

-Un encargo para Valencia que a colleu de sorpresa, ¿como xurdiu esta posibilidade?

-Recibín unha consulta polo Facebook preguntando se facía «pañolones para las Fallas». Tiven que buscalo en Internet xa que nunca tal oíra. Veñen sendo como unha especie de chales que poñen as falleras cando refresca o tempo. Díxenlle que si, que llo podía facer se me daba indicacións e inventei un urdimento que recorda á bandeira valenciana en vermello e laranxa. Hoxe mesmo [por onte] saíron para Valencia oito pañolóns. Son únicos, diferentes. A propia clienta elixiu a cor, a xogo co vestido que levará, e quería que levara fibras de raión porque lle dá máis brillo; pero fíxenos en cachemir natural, liño con algodón... diferentes mesturas. Fun facendo fotos de todo o proceso.

-¿Levoulle moito tempo facelos todos?

-Cada un deles uns tres días.

-Pero está traballando noutros proxectos.

-O mes próximo estarei reproducindo antigos mandís de picote, dos que se usaban a modo de capa para ir lindar as vacas. Téñoos feito coa señora María, pero para ela eran algo anecdótico, como unha curiosidade porque os utilizaba cando era pequena precisamente para iso. Estase volvendo cada vez máis aos tecidos tradicionais e únicos, e a xente está volvendo a preguntar polo traxe galego con tela auténtica, rústico. Ademais quero facer unha colección de faixas para o traxe galego masculino. Son cousas moi personalizadas.

-Estamos acostumados a vela na Feira de Artesanía de Viveiro, ¿herdou da señora María tamén aquel tear famoso de máis de 200 anos?

-(Ri) Non, quedou con eles a asociación de viúvas, que comigo son sempre encantadoras, pero é unha pena que non se amañen, porque están moi destrozados, e que se fagan cousas. É a miña pena. En Xove, por exemplo, hai catro teares amañados e a xente vai tecer. Eu, por cuestións de saúde teño un tear nórdico, porque o tradicional reventábame, cheguei a levar cinchas. Fago cursos de baixo lizo (lanzadeira) personalizados no obradoiro, ou nas casas, e no Centro de Artesanía de Lugo, e de alto lizo, e teño unha exposición permanente no Cafetín de Viveiro.

María Chao. A señora María, que dá nome ao seu obradoiro. Feal herdou a súa arte e coa que participou nun proxecto de recuperación dos chamados liños Vivieros.