Paseos pola Terra Chá para aprender

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

ARCHIVO IESCHA

29 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta curioso, e por veces interesante, ler os escritos dos viaxeiros ao seu paso por Vilalba e pola Terra Chá. Nestas mesmas páxinas, xa nos referimos a Ramón Otero Pedrayo e ás docerías El Progreso e La Vizcaína, dous establecementos da capital chairega xa pechados pero cunha sona que durou décadas, e citamos a A. F. Bell, que tivo por compañeiro de viaxe aquel soldado veterano de Roupar que só manexaba a idea de poñer preito ao rei para cobrar atrasos de servizos prestados en Cuba.

Pero houbo máis xente de paso pola comarca chairega. En 1905 un médico portugués menciona que a entrada da vila dende Baamonde tiña aspecto de ruela de aldea vella, que estaba presidida por un calvario con lámpada acesa e que logo aparecía dunha capela; e finalmente destacaba a deteriorada torre dos Andrade que dominaba a vila. Engade que dende aquí partían os automóbiles de Baamonde, Lugo, Viveiro e Ribadeo. E despedíndose o doutor José V. Fialho de Almeida abandona a vila camiño de Mondoñedo por unha rúa moi extensa con casas dun ou dous pisos, todas en liña, con beirarrúas de lastras, e quedando á dereita unha alameda con parapeto de gradas onde se facían as feiras.

Aínda que pasaron décadas, a descrición resulta coñecida para o lector de hoxe, que ben pode situarse no centro de Vilalba tendo en conta ese texto. Remata o escrito dicindo: «Nada parece ter [a vila] de importancia, e a torre tampouco terá que visitar».

O asunto dá que pensar. 112 anos despois convén unha reflexión sobre o que ten que ver o viaxeiro en chegando a Vilalba e á Terra Chá. Certo que o patrimonio histórico-artístico non é o mesmo ca o dunha cidade relativamente próxima como Mondoñedo e que o denominado casco histórico está como está; sábese dos centos de ríos e regatos salvados por pontes, pontellas, pasos e portos mentres discorren dando voltas e apagan a sede de veigas e fragas rodeadas das paisaxes espléndidas sempre firmes, sempre cambiantes.

Manter e difundir

Pero todo isto hai que mantelo e difundilo. Os sinais indicadores son mellorables, cómpre elaborar folletos turísticos que orienten os viaxeiros. Pero o que ninguén negará é que os establecementos hostaleiros que en Vilalba e na Terra Cha reciben hoxe ao visitante son de primeira calidade.

Visitar a serra da Carba, admirar aves nas lagoas de Cospeito ou de Castro, adiviñar o fin das terras polo leste indo para Meira, tomar as aguas en Guitiriz ou os baños na charca do Alligal, acubillarse baixo o teito dunha torre de cinco séculos agardando pola pantasma de Fernán Pérez... todo iso é algo que ben paga a pena se o transeúnte o valora. E para repoñer forzas degustará o roscón de améndoa ou a torta de millo, catará os valorados queixos de San Simón da Costa e loará tanto o capón coma os mil alimentos que a comarca ofrece. Sen esquecer que non todo ha ser comer mentres estea entre nós.

Coñecer e comprender

Viaxar, facer turismo, debe ser algo máis que facer unha foto diante dunha igrexa ou dun cruceiro: detrás de cada obra hai persoas que viven ao seu carón, traballan, teñen ideas e viven co seu modo de pensar. Coñecer e comprender modos distintos de afrontar o continuo discorrer da vida forma parte do enriquecemento do viaxeiro. E se ademais leva consigo un caderno de viaxe onde anotar todoas as vicisitudes do camiño e do que observa, sempre lle quedará o recordo das emocións vividas e do aprendido.

Porque viaxando tamén se aprende, e todo aquel que se achegue á Terra Chá, non importa de onde veña, atoparase certamente con moito que aprender. Só fará falta que teña os sentidos atentos a todo o que hai ao seu redor.