Montserrat Eimil é a nova responsable de abrir e pechar o monumento lucense
24 ene 2018 . Actualizado a las 11:42 h.A vilalbesa Montserrat Eimil será a nova encargada de abrir e pechar o monumento así como de levar a oficina de atención ao visitante. Aínda que estaba destinada na residencia das Gándaras, xa fixera substitucións en Bóveda, polo que coñece o lugar e desde novembro estivo a atender a grupos con petición previa.
-Como asume o posto?
-Con moita ilusión e con ganas de defender e promocionar un monumento creo que pouco valorado, especialmente polos lucenses. Ademais, pola experiencia que teño amosando o templo, as visitas sempre aportan moito coñecemento. Soen vir persoas moi ben informadas e das que se pode aprender, e máis dun monumento coma este tan enigmático.
-Que lle din os visitantes?
-Chámalles a atención o interior, e especialmente as pinturas. Hai xente que se pasa horas mirándoas. O outro día, unha parella díxome que para eles era un lugar máxico porque lles transmitía paz. Tamén lles sorprende que sexa gratuíta a entrada. E tamén hai persoas que destacan o conxunto da aldea e o fermoso entorno natural, coas carballeiras. Pero o que máis me sorprende é que veñen ata aquí persoas que repiten, como unha parella de Ávila que sempre que visitan Galicia, pasan por Bóveda. Ou o outro día viñeron desde O Cebreiro toda ilusionadas tres rapazas que estaban facendo o Camiño de Santiago ou recentemente un importante historiador portugués que quedou impresionado polo que viu dentro. Os de fóra valórano máis que os de Lugo e de Galicia.
-Que lembranza ten da primeira vez que visitou o monumento?
-Pois a primeira vez fora nunha substitución de vacacións e cheguei ás oito da mañá. Nunca viñera a velo e quedeime impresionada polas pinturas. A partir de aí comecei a ler as diferentes teses que hai sobre este monumento e gustaríame saber cal é a verdadeira. É un posto que require formación continua.