Agustín Baamonde: «Creo que recuperar a Deputación está plenamente ao alcance do PP»
VILALBA
O alcalde de Vilalba di que a situación económica e a división da esquerda axudarán na reconquista do poder provincial
25 feb 2018 . Actualizado a las 21:36 h.O rexedor vilalbés está a vivir un mandato novidoso: volveu ao cargo que deixara no 2005, ao entrar na lista para as eleccións autonómicas, porque Gerardo Criado, que o substituira daquela, pasou ao Senado.
-Nos plenos de Vilalba, ultimamente fálase moito da Deputación. ¿Non hai un trato correcto a Vilalba, como di vostede?
-Non é correcto; non o é dende o punto de vista da lealdade institucional. Pasou, por exemplo, coa obra de Fonte Vilar [barrio da parroquia de Mourence], na que para facer un abastecemento de auga tivemos que pasar por unha estrada da Deputación. Pedimos permiso á Deputación, a Patrimonio, á Demarcación de Estradas do Estado..., e coa única administración coa que houbo problemas foi coa Deputación. Esixiunos unha fianza de 24.000 euros e o pago de taxas por ocupación de dominio público e por expedición de documentos: no primeiro caso, uns 2.600 euros; no segundo, case 7.000. Que lle cobre a Deputación unha taxa una administración por facer unha obra para os veciños paréceme unha pasada monumental. No último temporal, por exemplo, o Concello retirou unha chea de árbores, e a Deputación ten as súas estradas cheas de furados. Cando algúns veciños reclaman a obra dunha estrada á Deputación, díselles que o Concello pode metela no plan de estradas; pero o plan xa está cheo. A Deputación, nesas obras, optou por unha solución que en principio é boa, o aglomerado asfáltico; pero é caro, de maneira que se amañan treitos curtos e hai estradas que teñen cráteres. [Rematada a entrevista, o alcalde subliña que o Concello pagou o que se lle pedía e comezou as obras].
-Vilalba é unha praza no que o PP resiste ata agora. ¿Hai algo máis da Deputación en xogo nesa estratexia da que fala?
-Vilalba é unha praza que se lle resiste ao PSOE. Vexo que en estradas, fóra dese plan, fanse obras en concellos que non son do PP.
-¿Nótase, pois, que hai eleccións municipais o ano que vén?
-Penso que a Deputación xa planificou a estratexia: onde o PSOE goberna, o investimento é poderoso; onde non goberna e pode ser importante, estase a facer un esforzo, considerable. Hai que ter en conta criterios de proporcionalidade, de respecto aos veciños, e repartir con criterios igualitarios. Entendo que aquí non se está a facer. Nalgúns concellos supleméntanse investimentos cando van ligados a un investimento municipal: non me parece mal, porque é unha función da Deputación, pero o criterio é máis político ca outra cousa.
-¿Actúase así para reter o poder o ano que vén?
-Non o discuto; é lexítimo. Pero que o seu traballo ande encamiñado a reter o poder non exclúe o respecto dos criterios de igualdade, propocionalidade e equilibrio.
-¿Cambiará esa actitude?
-Teño o desexo; esperanza, maís ben pouca [Ri].
-¿Pode o PP recuperar o goberno da Deputación no 2019?
-Si. Non só polo xogo político, senón porque a Deputación pende dunha diferenza pequena. Co rumbo que van collendo os acontecementos, coa mellora da situación económica, coa dispersión na esquerda, creo que a recuperación da Deputación está plenamente ao alcance do PP.
-Agora, fronte á súa anterior etapa, non todos os concellos da Terra Chá son do PP: en Guitiriz e en Xermade hai alcaldes do PSOE; en Muras, do BNG. ¿Cambiou a relación con eles?
-Hai que distinguir o político do persoal. Teño unha excelente relación con Regina [Polín, alcaldesa de Guitiriz], con Roberto [García, alcalde de Xermade] e con Manuel [Requeijo, alcalde de Muras]. Creo que a relación institucional é correcta. Calquera axuda que pedimos e se nos pide é atendida: de feito, estamos a participar nun programa de formación con Vilalba e con Abadín. Nese nivel a colaboración é formidable, con independencia de quen goberne, como tamén o era cos alcaldes de antes. No político non hai interferencias entre os concellos: téntase resolver os problemas pola vía do diálogo e da colaboración.