A festa tradicional de Insua terá o sábado 30 música, exposicións, monicreques, debates e demostracións
25 oct 2021 . Actualizado a las 12:08 h.Vilalba recupera a Tasca do Liño despois de que o ano pasado se tivese que cancelar por mor da pandemia. A cita, que chega á súa décimo terceira edición, terá lugar este sábado, día 30, en Insua, e contará con música, exposicións, monicreques, debates, demostracións...
A Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua é a encargada de impulsar esta festa que busca revivir, divulgar e dignificar a historia téxtil da comarca, con proxección no futuro grazas precisamente ao labor de recuperación que desde hai máis dunha década desenvolven estas mulleres. Miriam Fernández Otero, a tecelá en activo máis nova de Galicia, membro da asociación e autora do libro As mulleres de Insua e o liño: dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica, explica que este ano recuperan a programación completa, como antes da pandemia, pero con todas as precaucións posibles: aforo limitado, puntos de desinfección, mantemento da distancia, obriga do uso da máscara, e actos en espazos exteriores, aínda que dispoñen dunha carpa.
O programa de actividades para este sábado é o seguinte:
· 11.00h. Apertura da xornada
· 11.15h. Pregón a cargo de Pastora Veres, escritora dos Vilares
· 11.45h. Mesa redonda «Emprendemento e mocidade no rural», moderado por Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba. Participan Miriam Fernández, historiadora e tecelá; Cristian F. Caruncho, ilustrador; e Pilar Castro García, do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo
· 12.45h. Entrega de premios do Certame de Debuxo e Poesía
· 13.00h. Demostración e explicacións da Tasca do Liño: mazotar, tascar e fiar
· 13.30h. Actuación musical do grupo Xaora Trad
· 16.30h. Monicreques Alakrán, Barriga Verde
· 16.30-18.00h. Sinatura de libros: Pastora Veres, Lareira de soños, e Miriam Fernández, As mulleres de Insua e o liño
· 18.00h. Demostración da Tasca do Liño
· 18.45h. Actuación musical de Luís O Caruncho
· Ademais, durante toda a xornada haberá postos de artesanía; exposición de traxes da colección do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), que se poderá visitar na Casa-Escola ata o día 2; e artesanía en vivo.