Víctor Corral

Xulio Xiz

VILALBA

14 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o sábado, un dos hectómetros do Paseo dos Soños de Vilalba, á beira do río Madalena, corresponde a Víctor Corral Castro, escultor, pintor, poeta e Fillo predilecto do Concello de Begonte.

O hectómetro é unha columna obelisco tallada polos escultores guitiricenses Irmáns Quijada, coroada por unha pomba esculpida polo mestre Corral, símbolo da súa arte, tótem da súa obra, da súa familia, da súa casa-museo que, como homenaxe ao antigo castelo de Baamonde, domina o pobo desde o alto para estender sobre el a benéfica acción da súa arte irrepetible.

Desde 2006, o máxico paseo que acompaña ao río vilalbés desde o Muíño da Magdalena ao do Rañego converteuse no Paseo dos Soños, e cada hectómetro queda marcado cun fito que lembra a grandes da literatura que xa están no alén (Manuel María, Fernández Paz, Puente Docampo, Darío, Carballo e os Irmáns Chao Rego) e outros tantos chairegos que viven entre nós. Víctor é o primeiro artista plástico, creador de pombas da paz e de infinitas obras que polo noso mundo marcan territorio gobernado pola súa arte.

Víctor é un artista feliz, creador dun mundo que comparte cos milleiros de visitantes que cada ano acoden a Baamonde a gozar coa contemplación das súas obras. Pero, sobre todo, é un feliz patriarca familiar que goza de oitenta e catro frutíferos anos que se traducen en centos de obras maxistrais, cada unha coa súa historia, dentro da global do artista que, no canto de presumir das súas obras, presume da familia que con el percorreu o Paseo dos Soños, onde o seu símbolo queda para sempre.