A feira «Vilalba feita a man» terá lugar os días 7 e 8
06 may 2022 . Actualizado a las 11:16 h.O Concello de Vilalba organiza a feira de artesanía Vilalba feita a man para esta fin de semana (días 7 e 8), que se retoma tralo parón da pandemia. O principal atractivo son as casetas de artesanía, que estarán abertas o sábado de 11.00 a 21.00 e o domingo de 10.00 a 15.00 na Praza da Constitución. Os visitantes poderán ver postos con diferentes produtos, coma coiro, fío, tea, madeira... Tamén contarán con artesáns locais.
As actividades comezarán o sábado coa apertura da feira ás 11.00 e o pasarrúas a cargo de A.C Andrade ás 11.30. Ás 17.00 organízase un obradoiro de baile tradicional, «Bailes, xogos e algo de muiñeira», dirixido ás familias e a cargo de Montse Rivera, de Leilía. A continuación, Montse Rivera ofrecerá ás 18.00 un obradoiro de baile tradicional de perfeccionamento, «Como bailar nun serán ou foliada: as regras non escritas». Ademais, durante todo o día realizarase un obradoiro de xoguetes sonoros a cargo de Xaneco. A xornada do péchase co concerto de De Vacas na Praza da Constitución, ás 20.00 con entrada libre.
O domingo realizarase un pasarrúas a cargo da A.d.C. Cerna de Árbol ás 12.00 e Brúa ofrecerá un concerto na Praza da Constitución ás 13.00.
E durante toda a feira, os artistas Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo (Pepón) realizarán unha escultura en madeira e pedra. Tamén haberá demostracións de arte e oficios.