Xulio Xiz: «Grazas á Mostra Folklórica síntome como un veciño viveirense máis»
VILALBA

Dende hai 41 anos é maestro de cerimonias da cita viveirense
08 ago 2022 . Actualizado a las 18:28 h.Oxornalista Xulio Xiz, nado o 17 de febreiro de 1947 en Vilalba, é xornalista, escritor e produtor galego. Na súa traxectoria creou con Carlos Rodríguez Arias a produtora Ophiusa en 1986, a primeira televisión local en Lugo en 1994 e a plataforma www.galiciadigital.com en 2000, que dirixiu ata 2008. Companixou a súa labor coa presentación e coordinación da Mostra de Viveiro.
—Leva 41 presentando a Mostra. Que significa para vostede?
—Faime sentir un veciño máis de Viveiro, a verdade. Son vilalbés, pero tamén son viveirense de corazón. Dende fai case medio século teño este contacto coa cidade. Un contacto moi estreito e especial. Vir ata aquí e vivir estes días marabillosos e incribles para o municipio é unha alegría! Ademais, a miña amizade con Maricarmen López «Chipe», a presidenta da Asociación Bágoas da Terra, (froito dun vilalbés que tiña contacto con ambos, no ano 1979) e ser tamén coordinador da Mostra, fanme sentir como se estivese na casa.
—Entón, Viveiro é un lugar moi significativo para vostede. Non si?
—Sempre direi que existen tres puntos de referencia na miña vida: Vilalba, Lugo e Viveiro. Este último lugar, ao que non pertenzo de nacemento, pero si de corazón, significa moito para min. A efectos reais, un non pode escoller onde naceu, pero si pode escoller a onde quere pertencer... E eu escollín Viveiro.
—Como é ser presentador de tantas actuacións e nuns días tan importantes na cidade?
—Estou tan acostumado que xa non necesito case preparación; prefiro improvisar e que sexa moito máis natural. Son moitos anos e coñezo de primeira man a Mostra, Viveiro, e o seu ambiente. Sae da espontaneidade máis absoluta. Ser presentador hónrame moito, ademais de colaborar tamén como coordinador. Grazas a presentar as actuacións establezo un fío condutor que me permite ver o meu traballo e o dos meus compañeiros ben organizado. Ver que os esforzos teñen resultado é moi satisfactorio. Vivo estes días con moitísima ilusión. Xa dende o primeiro momento, fai moitos anos, asumo esta tarefa con ánimo grazas a ese contaxioso entusiasmo de todos os que a organizan e participan.
—Sempre tivo esta conexión coa cultura folclórica?
—Si, pero pola folclórica e por todas. O meu interese xeral polo mundo da cultura é o que me move. Participarei en todas as seguintes edicións da Mostra, ata que o corpo aguante. E tamén colaboro noutros proxectos como no comité organizador da Semana Internacional de Cine de Lugo. Onde estean este tipo de iniciativas, estarei eu.