«Ser avogada e poeta non é un problema, é algo que levo ben»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Airado escribe por tempadas, tras concretar o que quere
Airado escribe por tempadas, tras concretar o que quere ALBERTO LÓPEZ

A vilalbesa Luz Airado di que coa escrita expón problemas que atopa no traballo diario

27 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Luz Airado Bello (Román - Vilalba, 1984) é avogada e poeta. Pode semellar que camiña sobre dous eixes moi afastados entre si, pero ela cre que se trata de cuestións compatibles. Tras ter gañado premios coma o Díaz Jácome, convocado polo Concello de Mondoñedo, ou o Xoán de Requeixo, promovido polo Círculo Recreativo de Chantada, vén de publicar a primeira obra en solitario, «Instintos», que se presentou en varias feiras do libro de Galicia.

—É unha avogada que fai poesía ou unha poeta ádicada á avogacía?

—Son avogada e escribo. Gustaríame ter unha segunda vida para dedicarlla á poesía. Considérome, a efectos do traballo, avogada, pero a poesía sempre estivo presente para min.

—A avogacía e a poesía son mundos que quedan lonxe ou hai algunha conexión entre eles?

—A avogacía ten unhas facetas que che fan reflexionar, sobre todo en cuestións sociais. Para unha poesía social, por exemplo, a avogacía axuda en cuestións de violencia de xénero ou de familia.

—Ten inclinación pola poesía social?

—Nos últimos anos, si. Cando comecei a escribir, era algo que nin pensaba nin valoraba. Agora, en cambio, creo que a poesía social pode axudar a cambar.

—Que debe cambiar?

—Moitas cousas. A sociedade debe cambiar. Hai cuestións coma a desigualdade da muller ou a violencia de xénero, pero debemos lembrar tamén o que fixo a xente que nos precedeu. Hai desigualdades sociais, económicas...; hai moito do que falar.

—Semella máis normal o uso do galego da poesía ca no mundo xudicial, non lle parece?

—Creo que si. A maior parte da poesía que leo é en galego, pero na avogacía hai un déficit de uso do galego. Para facer na avogacía un uso pleno do galego, necesítase un esforzo extra, un tempo engadido, sen ser remunerado: non lle podes cobrar a un cliente por traducir algo ao galego. Eu pertenzo á Irmandade Xurídica Galega, e penso que vai sendo máis valorado o feito de que se traduzan cousas. Case todo se fai en castelán

—Di que a poesía pode axudar a cambiar. É frustrante ver que se repiten certas situacións?

—Como avogada, é frustrante, porque son a realidade pura e dura. Como escritora, tamén, pero estás facendo outro traballo, é unha maneira de expoñer o que hai. Case me parece máis frustrante dende o punto de vista da avogacía porque se trata de algo no que, en principio, tes competencias directas e inmediatas. Aí atopas un problema e tentas buscar solucións inmediatas.

—Compaxina ben as dúas dimensións, a de avogada e a de poeta?

—Si. É algo que non me causa ningún problema, todo o contrario. Son mundos compatibles, e unha experiencia enriquécese coua outra. Lévoo con naturalidade. Son dúas dimensións que se axudan entre si, non me supón ningunha incompatibilidade.

—Escribe todo os días?

—Teño tempadas. Hai veces en que busco o que vou escribir e penso en como darlle forma. É un tempo de formación, e cando teño claro o que quero facer, xa vén o tempo de escribir. Todo iso, ademais, condicionado polo ritmo do traballo, que volve ser frenético.

—En Vilalba e na Terra Chá non faltou xente que escribise. Está a rexurdir a poesía neste últimos anos?

—Creo que esa presenza é máis ben unha constante. Houbo un parón pola pandemia, e creáronse redes e grupos. Nótase un rexurdir cultural. Temos as redes sociais, e foron positivas porque axudaron a espallar a poesía actual.

—Que é máis doado, escribir ou publicar?

—Cada un escribe ao seu xeito. Escribir para un mesmo, para que o que se fai quede aí e non vexa a luz, paréceme sinxelo. Outra cousa é querer dar unidade a un grupo de poemas e facer un poemario que sexa atractivo para as lectoras e para os lectores. A escrita paréceme máis sinxela ca o feito de dar forma e de atopar alguén que queira sacar á luz eses poemas.