As primeiras oficinas bancarias instaláronse na capital chairega en 1927
09 ene 2023 . Actualizado a las 14:27 h.A chegada de dúas sucursais bancarias a Vilalba a finais de 1927 foi un deses acontecementos que modificaron costumes e cambiaron maneiras de actuar relacionadas coa actividade comercial e construtiva. No mes de novembro, na daquela rúa Rodríguez de Viguri, hoxe rúa da Pravia, as novas casas servían de escaparates para modernos conceptos arquitectónicos e condicións de vida máis confortables.
Nos baixos dunha delas, propiedade de Manuel Fraga Bello, estableceuse o Banco da Coruña, e noutra moi próxima, no número 15 da mesma rúa, o Banco Pastor. Do primeiro figuraba como director Manuel Pena Vidal, home de prestixio, heroe da guerra de Cuba e tenente coronel retirado. Do segundo estaba á súa fronte Guillermo Orosa Álvarez, rico comerciante do ramo da droguería.
Os edificios escollidos como sedes das sucursais bancarias, ademais de ser dos mellores que había daquela, reunían as dúas características básicas que todo economista coñece para que haxa progreso: estaban fronte ao gran centro de negocios, o campo da feira, e por alí circulaban vehículos e xentes que ían e viñan de Mondoñedo, Rábade, Meira, Baamonde e o tren, Ferrol, A Coruña, As Pontes...
Avances no transporte
Dende o punto de vista económico, pasada a inflación provocada pola Guerra Europea, eran tempos de certa estabilidade nos prezos dos produtos agrarios e gandeiros. Carros e carretas ían quedando atrás e os automóbiles impoñíanse como medio de transporte de persoas e mercadorías e, malia a escaseza de gasolina, favorecían unhas transaccións comerciais áxiles e de maior volume. O aumento do comercio necesitaba circulación monetaria, tanto en metálico coma en transferencias.
Ata daquela, cando a necesidade de cartos apremaba, a xente recorría a quen os tiña, aos chamados prestamistas. Eran así coñecidos algúns vilegos posuidores de numerario abondo para poder deixalo por un tempo acordado e cobrando uns xuros pactados que se negociaban conforme o mercado e as necesidades de quen pedía.
Respondíase do empréstito con bens inmobles, rurais ou urbanos. Os prestamistas tiñan diferentes perfís, pois había quen viñera de Cuba, profesionais liberais, comerciantes e mesmo algún fidalgo segundón con pretensións de seguir vivindo do traballo alleo.
Este sistema de empréstitos ocasionaba abusos, como a tan recordada ausencia do prestamista nos últimos días do prazo no que vencían e logo executar o firmado. E iso levaba a non poucos preitos, algúns enfrontamentos físicos e moitas xenreiras que cen anos despois aínda se manteñen e recordan. Os bancos, coa natural desconfianza dos primeiros tempos, tomaron o relevo nos empréstitos de diñeiro, nos pagamentos de operacións comerciais e nas transferencias de cartos de lonxe.
Tamén se ofrecían a gardar os aforros familiares dos que tiñan algo e abonar pequenos xuros polos fondos depositados. Tras as dúas primeiras sucursais bancarias, pouco a pouco, chegaron á carretera (ou rúa Rodríguez de Viguri, ou rúa Xeneral Franco, ou rúa da Pravia, nome actual do principal eixe urbano) outras sucursais que ocuparon baixos no tramo de estrada-rúa convertida en gran centro comercial e de negocios por excelencia de Vilalba e a súa contorna.
Outros negocios
A carón do movemento dos cartos asentábanse establecementos de hostalaría que daban servizo a viaxeiros, viaxantes, vendedores e negociadores de tratos: casa de don Ángel Rego, A Vizcaína, hotel Chao, Anduriña... Nas décadas seguintes as entidades bancarias, con novos establecementos, fusións e absorcións, foron dando servizo aos negocios. Chegaron as caixas de aforros: da Coruña, de Lugo, da Coruña e Lugo, de Pontevedra, de Vigo, todas elas reunidas finalmente na Caixa Galicia.
Próximas ás anteriores emprazábanse a Caixa Postal, logo Argentaria, e a Rural de Lugo. A concentración tamén se deu nos bancos: o Bilbao, o Vizcaya, o Hispano-Americano, Banesto, Atlántico, Central-Hispano, Caixa Geral de Depósitos...
Só grandes entidades
De todos estes nomes hoxe só quedan as grandes entidades que en parte medraron adquirindo outras menores: Abanca, que recolleu os clientes das caixas de aforro; o Sabadell, que absorbeu o de Asturias e o Gallego; o BBVA, que se fixo coa titularidade do da Coruña e doutros, e mais o Santander, que comprou, por medio do Popular, o Pastor.
A finais da década de 1960 e na de 1970 chegaron ter actividade unha ducia de sucursais que mantiñan un notable número de empregados coas súas familias. Eran tempos nos que traballar nun banco era seguridade de futuro ben retribuído.
Pero por veces o traballo de andar con cartos non debeu ser ben entendido e volveron vellas prácticas que o paciente lector recordará se pensa que non hai moito tempo as preferentes eran vendidas ocultando que eran débeda perpetua.
Coa supresión das feiras de gando maior na vila, xa hai anos, cos cambios de costumes á hora de comprar e vender e sobre todo cos atrancos á circulación viaria e ao estacionamento, chegou o solpor nas actividades comerciais.
Moitos negocios quedaron no camiño do tempo e outros espazos da vila non substituíron os que pecharon. Hoxe só permanecen, en terceira ou cuarta xeración, a centenaria ferraxería fundada en 1920 polos irmáns José e Crisanto Puentes, a administración de loterías, unha tenda tradicional de alimentación, un comercio de modas e ao final da rúa unha farmacia e unha zapatería.
Os locais noutrora ocupados por negocios parecen destinados a lugares onde tomar o sol, cando o haxa, sexa luns ou domingo. As decisións que ata agora se tomaron para fomentar o comercio non parecen favorecedoras das transaccións mercantís, aquelas que permitiron que Vilalba fose un gran mercado para toda a Terra Chá.
Poida que se algunha actividade quedase, viría negociala a fauna que dende os campos próximos acode ao lugar, porque a xente máis nova, a xente na que se deposita o futuro, hase ver na obriga de marchar.